Alberto Fernández: «Nunca penso que estou limitado»

laura ríos / M. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Alberto Fernández anima ás persoas con diversidade funcional a non poñerse freo
Alberto Fernández anima ás persoas con diversidade funcional a non poñerse freo cedida

Practica motociclismo e participará na Carreira pola Diversidade de Ambar

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación barbancesa Ambar levará a cabo este domingo a sétima edición da súa Carreira pola Diversidade, unha actividade que busca dar visibilidade ao deporte adaptado. Aínda que a actividade é de carácter popular, algúns dos seus participantes son deportistas profesionais chegados desde diversos puntos da comunidade, como é o caso do piloto de motociclismo Alberto Fernández (Toén, 1991) que non tivo que agardar aos 18 anos para vivir a vida gastando rodas. Segundo el, «a primeira vez que montei en motocicleta foi aos 9 anos, cando descubrín unha moto no garaxe do meu tío que estaba sen usar».

As aventuras sobre dúas rodas deste mozo non se viron freadas pola parálise que sofre na metade dereita do corpo, senón que o levaron a seguir pilotando até os 22 anos, momento no que a súa epilepsia se descontrola e ten que abandonar as pistas durante sete anos. O deportista cataloga esa etapa da súa vida «coma un inferno, porque a moto para min era unha vía de escape».

Aínda así, co paso dos anos e a remisión dos ataques, foi quen de volver aos circuítos e seguir coa súa carreira como motociclista. Para o corredor, as complicacións non se reducen á epilepsia, senón que apunta ao mundo do deporte reflexionando sobre a grave inseguridade dos circuítos de carreiras galegos. O piloto non dubida nin un segundo cando di que «son perigosos, porque non teñen zonas amplas onde caer e ademais a pista é de só oito metros de ancho».

De xeito contundente, Fernández Boo manifesta que «en Galicia cando algún morra empezaremos a ver as cousas doutra maneira». Para o deportista, a solución desta problemática está en que a Federación Galega de Motociclismo invista máis recursos económicos nas pistas.

Loita continua

En canto aos estereotipos, o corredor profesional espeta que «como competidor con diversidade funcional, véxome obrigado a demostrar dez veces máis que o resto». O mozo asevera que «moitas veces síntome máis sinalado», ao tempo que engade que «hai competicións nas que non me deixan correr por non ser quen de levantar a moto, cando iso pasa coa maioría dos pilotos». Ademais, o condutor admite que o plano económico tórnase máis difícil no mundo dos deportes adaptados e que nas competicións prima a cilindrada das motocicletas fronte á calidade dos pilotos. Para el, «isto é unha incoherencia cando o que se busca é profesionalizar as carreiras». Agradécelle aos seus 16 patrocinadores compartir os seus valores solidarios, pola contra, sinala que aínda se ve obrigado a sufragar parte dos gastos de taller e desprazamento co seu diñeiro.

Aparte de ser motociclista, Alberto Fernández dedica a súa vida a impartir clases en colexios e institutos sobre diversidade funcional, violencia machista e a diversidade das relacións afectivas. Neste eido, advirte da grande importancia de ter un referente para que a xente saiba o que se pode facer. Ao fío disto, conta que o seu é Álex Cruz, un piloto con diversidade que foi quen de competir en campionatos de motociclismo cando aínda era ilegal. Para non ser expulsado das pistas, vestía o equipamento de competición dende que entraba ao circuíto ocultando así a súa diversidade funcional para poder competir igual que o resto de aspirantes.

Agora, Alberto Fernández segue a estela do seu heroe e serve de inspiración a mozos que ven o mundo do deporte a motor como un imposible por contar con algún tipo de diversidade funcional. O mozo confesa que «nunca pensei que estou limitado» e engade que «a miña meta non é competir, senón dar visibilidade aos dereitos das persoas con diversidade funcional» anos loitando».