Carmen Sampedro: «Na arte, son feliz navegando ao pairo, sen fondear nunca»

olegario SAMPEDRO

RIBEIRA

Abraldes

A nostalxia polo mar e a nenez en Ribeira marcan a súa obra

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Longe do mar, o escritor luso Paulo Moura describía como a súa familia, emigrada nunha vila afastada do seu Aveiro natal, trataba de debilitar a dolosa morriña que padecía pola ausencia do mar achegándose ata o alto dun monte onde non era posible velo pero, ao menos, si ulilo.

Carmen Sampedro leva o litoral impreso na magnética mirada dos seus intensos ollos verdes. Imposible outro ollar e outro alter ego nunha artista que chegou ao mundo en pleno encéfalo da ría da Arousa nunha casa do barrio de Bandourrío (Ribeira) onde as ondas do mar lambían o penal da vivenda. Porén, aínda que leva décadas transitando polos empedrados de Compostela, á artista non lle fai falta ascender ao cume do Pico Sacro para adiviñar o arrecendo do océano.

A costa revélasenos na súa extraversión, nos seus acenos, na súa linguaxe e metalinguaxe e, indefectiblemente, nos seus pinceis. As paisaxes mariñas e urbanas da terra natal compoñen unha fecunda topografía afectiva que pode ser rastrexada doadamente en forma e fondo, en presenza e mesmo en ausencia, na súa fértil produción artística. O trazo expansivo, a hiperactividade, a fastosidade de gamas cromáticas, a falta de prexuízos ao afrontar texturas e estilos... A obra da barbancesa exsuda salitre e litoral, ovunque.

?Arriemos cabos. O mar e as paisaxes da túa nenez son unha constante na túa pintura. Estou no certo?

-Estás. É unha temática fondamente vinculada á nostalxia que sinto polas paisaxes da miña terra natal. Algo que me permite seguir navegando a través do meu pasado ata os meus recordos da infancia e, a partir de aí, darlles unha nova vida na realidade dos meus lenzos. De todos os xeitos, a miña pintura vén sempre condicionada polo meu estado de ánimo e o lugar onde estea, pois sempre parto de realidades coas que desprego unha especial vinculación, persoal ou emocional.

?Resulta moi significativo o prolífico da túa produción artística.

-Quizais é consecuencia da miña iniciación tardía na arte. É por iso que estou constantemente traballando. O meu caderno de apuntes e esbozos é o meu inseparable compañeiro. Os bosquexos ás veces cristalizan nun lenzo e outras quedan á espera. Gustaríame entregarme a tempo completo á creación, pero a espiral laboral e da vida cotiá, de momento, impídemo.

?Saes a navegar sen temor entre multitude de estilos e técnicas. Con cal te sentes máis cómoda e cal se che resiste?

-Gústame sondar todo tipo de xéneros e técnicas, mesmo as máis novidosas, nun persistente afán de superarme e evolucionar, o cal se traduce en que o meu estilo poida ser definido como ecléctico. Con respecto á técnica, o acrílico é co que me sinto máis cómoda xa que me ofrece máis posibilidades plásticas. E como materia pendente teño o introducirme na técnica do gravado. Encantaríame iniciarme, nun futuro próximo, no Museo do Gravado de Artes.