Dona Isabel e a música

Francisco Ant. Vidal

RIBEIRA

Bernardo Codesido

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A raíña española, dona Isabel II, educada con todo o mimo que unha infanta pode ter e malcriada por todos os aduladores que a rodeaban, como ela mesma recoñeceu nunha entrevista con Galdós, criou fama, entre outras moitas cousas, por gustar dos praceres mundanos, ata converterse en protagonista do famoso cómic que circulou clandestinamente atribuído ós irmáns Bécquer, amosando os excesos eróticos e pornográficos de dona Isabel e os seus xenerais bonitos coa bendición de confesores e conselleiros espirituais, así como coa condescendencia do seu esposo. Pero dona Isabel tamén era amante e protectora da música.

Tal gusto podía vir transmitido por súa propia nai, a rexente, María Cristina, quen no mesmo ano do nacemento da futura raíña inaugurou o primeiro conservatorio de música de Madrid; e no 1856, como regalo de aniversario para ela estréase o Teatro da Zarzuela, por onde foron pasando os mellores compositores do momento.

Mal sabía a dos tristes destinos, que a arte é, ante todo crítica, e desde o seu palco, en máis dunha ocasión, houbo de ver retratados sobre o escenario os excesos do pazo real, unhas veces de maneira descarada e outras baixo símbolos, metáforas e outras andrómenas literarias.