Versos dos nenos do Grupo fúndense con debuxos de Ayaso en «Paxarada»

RIBEIRA

O punto de partida deste proxecto foron os versos que os estudantes crearon coincidindo coa celebración da Candelaria

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alumnos do CEIP O Grupo de Ribeira idearon os versos e o artista local Manuel Ayaso achegou unha selección de debuxos. O resultado é Paxarada, un libro que xa teñen as catrocentas familias que integran a comunidade educativa deste colexio. Foi distribuído onte, nun acto que contou coa presenza do recoñecido pintor e da súa filla, Mónica, que tamén achegou un par de traballos á publicación.

O punto de partida deste proxecto foron os versos que os estudantes crearon coincidindo coa celebración da Candelaria. Continuou cunha visita que Manuel Ayaso fixo ao centro para impartirlles unha clase especial aos escolares de Primaria, aos que agasallou con ilustracións feitas en directo, pero dos que tamén recibiu debuxos.

O artista tamén respondeu ás preguntas dun grupo de estudantes na entrevista que, baixo a dirección do profesor Manuel Sobral, lle fixeron en Radio Todiño, a emisora do centro educativo.