Xurxo Ferrón: «Debería existir unha maior planificación en investimentos»

A.G. RIBEIRA

RIBEIRA

Xurxo Ferrón
Xurxo Ferrón marcos creo

Suma Ribeira fai fincapé na necesidade de dotar ás parroquias de servizos básicos

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estreouse na corporación municipal como voceiro dun novo partido, Suma Ribeira, que obtivo unha acta de concelleiro. Esta é a que ocupa Xurxo Ferrón, que manifesta que a súa formación aposta por «ser o máis construtiva posible».

-Ve o seu grupo acadados os obxectivos?

-Algúns si, aínda que houbo cousas que se aprobaron e están sen executar. Houbo varias iniciativas relacionadas coa transparencia que saíron adiante e nese sentido avanzouse. O que non se logrou é que se nos dea con máis antelación a información dos plenos e danse casos coma o da proposta da biblioteca, na que non figuraba ningún plano de que o recinto desexado podía habilitarse no lugar escollido. Ao final facilitouse na propia sesión plenaria. Tampouco conseguimos que se fixera unha experiencia de orzamentos participativos.

-Que eivas aprecian?

-Debería existir unha maior planificación de investimentos en servizos básicos e facer as actuacións en base a criterios obxectivos. Ao mesmo tempo, deberían ser máis accesibles para concelleiros e veciños os investimentos que se levan a cabo en cada parroquia. Neste sentido, consideramos que hai que dotalas de servizos para evitar un desprazamento de poboación que pensamos que se está a dar cara a capital municipal.

-Cales son as liñas de Suma para os vindeiros anos?

-Intentaremos que se aumenten os investimentos relacionados coa conservación do existente e que se dinamicen as casas de cultura en canto a situación sanitaria o permita. Debido á pandemia, as nosas críticas á acción de goberno atenuáronse porque existían prioridades que baixo o noso punto de vista eclipsaban outras cuestións.