O premio Cidade Centenaria foi para a escritora ferrolá Irene Montero

RIBEIRA

cedida

Á oitava edición do certame literario de Ribeira concorreron 29 obras, a cifra máis alta da historia deste concurso

21 may 2021 . Actualizado a las 14:33 h.

A xornalista ferrolá afincada en Oleiros Irene Montero Díaz resultou ser a gañadora da oitava edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. Fíxose co galardón coa súa primeira obra literaria, Lúa Nova, un texto inspirado nunha moza de Santa Cruz, cega de nacemento, á que a autora coñece e admira.

«Natalia agora ten 16 anos e a miña Lúa 34, porque eu quería facer unha proxección cara adiante e imaxinar como será a súa vida, como se enfrontaría aos retos que se lle presenten, que decisións irá tomando», afirmou a escritora ao recibir o seu galardón, un cheque por importe de 3.000 euros. Logo, engadiu que certames como o que promove o Concello de Ribeira son «imprescindibles para poñer en valor a nosa lingua».

No transcurso dun acto que tivo lugar na casa consistorial, Irene Montero tamén desvelou que un dos seus obxectivos con esta novela era falar da diversidade funcional, non como unha historia de superación, senón para facer unha reflexión sobre a propia discapacidade e sobre a relatividade do termo: «En moitas ocasións, e sempre que esa persoa poida dispoñer dos recursos que precisa ao seu alcance, esa discapacidade vén acompañada doutras capacidades extraordinarias, que poden facernos discapacitados ao resto».

A entrega do galardón contou coa presenza do director de Edicións Xerais, Fran Alonso, quen se amosou encantado de «incorporar unha nova voz ao catálogo de Xerais». Pola súa banda, o rexedor local, Manuel Ruiz, agradeceu a súa participación da autora ferrolá, felicitouna polo premio e loou a temática abordada na creación literaria: «Non só ten argumento, senón tamén contido».

Escrita fluída e fresca

A concelleira de Cultura, María Sampedro, resaltou que nesta oitava edición do certame Cidade Centenaria se presentaron 29 obras, a cifra máis alta da historia do concurso. Ademais, reflectiu os valores recollidos na acta do xurado, que sinala que «a obra escollida destaca pola súa escrita fluída e fresca, cunha temática social que invita á reflexión por parte do espectador. A autora amosa un profundo coñecemento do asunto que trata articulando unha narración dende dúas ópticas diferentes».

Lúa Nova será publicada en edicións Xerais en virtude do convenio de colaboración subscrito co Concello de Ribeira, como ocorreu cos textos gañadores das pasadas edicións: As mellores intencións, de Begoña Paz; Vertixes, de Ignacio Silva; Orlando pendurado, de Goretti Fariña; Liña azul, de David Pobra; A cacería, de Amadeo Cobas; Un home extraño, de Antonio Tizón, e Celada, de Antonio Piñeiro.

Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Xoán Xosé Fernández Callón, bibliotecario e historiador; María Jesús Blanco López, mestra e escritora; María Canosa Blanco, escritora, e Alicia Padín,normalizadora lingüística.