Adrián Mosquera, hematólogo no CHUS e líder do proxecto contra o cancro Adianthe: «Somos pioneiros a nivel mundial»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

PACO RODRÍGUEZ

Todo o recaudado no Memorial Manolo Dieste irá destinado para o traballo encabezado polo doutor, que destaca a revolución que supón a intelixencia artificial para tratar as enfermidades

19 may 2021 . Actualizado a las 19:52 h.

O doutor Adrián Mosquera (Ordes, 1989) lidera a proxecto Adianthe, que une big data, intelixencia artificial e a medicina. O obxectivo é analizar de forma masiva datos dos xenomas dos pacientes hematolóxicos para así mellorar os prognósticos e os tratamentos. En definitiva, personalizar no máximo o coidado dos enfermos. O traballo xa saíu nas mellores revistas especializadas do mundo, pero, coma todo, necesita fondos. E niso está colaborando Asotrame, asociación á que irá a parar todo o que se recade no Memorial Manolo Dieste que se celebrará en Santa Uxía de Ribeira o 30 de maio.

-O proxecto soa fascinante.

-Estamos moi comprometidos coa liña de investigación. Cremos que o futuro da medicina está en empregar a intelixencia artificial sobre grandes volumes de datos xenéticos, clínicos e analíticos. Antes non era posible, pero agora está ao alcance da man. Aumenta a supervivencia dos pacientes. É case antiético que non o fagamos, que non persigamos ese obxectivo. É unha maneira de optimizar os tratamentos e de que cada un reciba o máis axeitado.

-E fai falla financiamento.

-A situación económica é a que é, pero non nos resignamos a facer investigación dende Galicia. Non éramos unha comunidade relevante no eido científico, pero nesto si somos un grupo de referencia. Temos diferentes puntos de financiamento. Para nós é esencial acumular fondos polas vías que poidamos.

-Aí entra Asotrame.

-É unha asociación que aglutina aos doentes transplantados de medula ósea. Ofreceuse para facer unha campaña de recollida de fondos para o noso grupo de investigación e creouse o crowdfunding La carrera que nunca para. Calquera pode participar e as empresas tamén poden ser patrocinadoras. Os fondos van integramente para a loita contra o cancro, nós non imos recibir nada diso. É para sufragar custos de reactivos, métodos de investigación, persoal...

-Imaxínome que en algo tan complexo non só o levan a cabo doutores.

-No grupo somos hematólogos, e algúns teñen máis ou menos tempo. Tamén temos unha bióloga, pero queremos incrementar o equipo, facer sinerxías con outros centros de investigación de Europa ou EE.UU. Todo está orientado a crear unha especie de rede de traballo que nos permita continuar con este pulo que acadamos coas liñas de investigación.

-Soa ambicioso e interesante.

-Contamos co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia, que ten a estrutura e déronos apoio técnico. O proceso funo facendo eu, aprendín por interese persoal, pero queremos facelo máis profesional e escalalo, que se implique xente de física ou matemáticas, crear máis estrutura e xerar proxecto para crear as ferramentas que nos permitan dar mellores tratamentos.

-É posible?

-Nalgunhas patoloxías xa temos claro o que debemos facer, pero necesitamos estandarizar a técnica Sabemos que variables ter en conta, pero ten un custo en tempo e recursos importantes. O concepto está aprobado, agora temos que poñelo en práctica, que non sexa só un artigo e que se poida chegar aos doentes.

-Ademais nunhas enfermidades tan complexas.

-O diagnóstico facémolo bastante ben sen ferramenta, pero o que non somos capaces é o de personalizar o tratamento. Sabemos que non todos os pacientes responden igual e non sabemos a que se debe. Pero podemos anticiparnos a isto en función dos perfís xenéticos de cada tumor, ou estimar mellor os riscos, ou se miramos de facer un transplante ou no, que é algo importante.

-E os resultados, como serían?

-Esta técnica permítenos subir a capacidade de precisión en 20 puntos. Ata agora a medicina era buscar grupos e un ou dous biomarcadores, pero o que nós facemos é coller centos de miles e extraer os máis importantes para adaptarnos a cada individuo.

-É un salto brutal.

-A intelixencia artificial vai revolucionar tódolos campos da medicina. Cremos que é fundamental ser pioneiros disto e estar á vangarda, que os recursos non vaian a outros centros de España ou de fóra. Neste campo somos pioneiros a nivel mundial e necesitamos o apoio da sociedade civil e de cada cidadán que queira participar na loita contra o cancro, e que poida aportar en algo que vai quedar na súa terra.

-Está funcionando a campaña de recadación de fondos?

-Polo de agora si, conseguimos un apoio significativo e estamos contentos coa evolución e fai falla seguir por esta vía. Agora a idea é que os concellos se involucren, como é o caso de Ribeira. Todos temos o noso papel, uns porque nos toca estudalo e outros por un familiar ou veciño que o sofre. Todos os que queiran poden sumarse a esta iniciativa.

Outros datos

Máis portas. Mosquera afirma que a estratexia pode axudar a outro tipo de tumores, como o de cancro ou mama.

Inicio. O estudo arrancou no ano 2017 e xa deu a volta ao mundo. As revistas científicas de impacto máis prestixiosas xa destacaron o traballo.