Non é un país para pescadores

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DE PESCAGALICIA

RIBEIRA

Imagen de archivo de arrastreros atracados en el muelle de Oza
Imagen de archivo de arrastreros atracados en el muelle de Oza CESAR QUIAN

17 may 2021 . Actualizado a las 04:50 h.

Acaba de írsenos do xa minguado censo da frota de arrastre de fondo do Cantábrico Noroeste un barco máis: o Pescasar. Hai apenas 7 anos tiñamos 93 buques operativos; hoxe quedan 57 e non sabemos aínda se a hemorraxia de baixas vai parar, pero é moi posible que aínda o ferido siga a perder máis sangue. O ferido é nin máis nin menos unha frota como a do arrastre de litoral, que en portos como Ribeira ou A Coruña foron especialmente importantes na subministración de produtos de gran calidade, para praceiras, peixerías, grosistas... Aí temos as meigas do arrastre, a pescada, os lirios, os xurelos, a xarda e ata hai uns anos a saborosa cigala do Cantábrico, que sigue pechada para escarnio desta sufrida frota. Un segmento que nos últimos 7 anos tivo que mandar ao paro a case 400 tripulantes, con todo o impacto que iso supón para todos eses sectores indirectos que traballan coa pesca como talleres, tenda de subministración, lonxas, redeiras e redeiros, e un longo etcétera, que sofren tamén as consecuencias de semellante escabechina.

E por que se vai un barco como o Pescasar, con apenas 17 anos de antigüidade e por tanto en plenitude aínda para seguir traballando outros 20 máis? A resposta non está precisamente no vento, non; a resposta está en que, en xeral, o respaldo institucional das diferentes Administracións a este sector é precario e iso tradúcese en que, por exemplo, levemos cinco anos obrigándonos a tirar pola borda toda a cigala que capturemos no Cantábrico, que levemos anos sen facer unha estratexia pensada para que os armadores vexan futuro neste sector, que levemos anos facendo unha costeira da xarda ridícula a pesar de ter o noso Cantábrico cheo desta especie, que levemos anos facendo unha política de controis ao sector asfixiante en moitas ocasións e desproporcionada e abusiva cando poñemos a axentes da garda civil con potestades inspectoras, que levemos anos sen solucionar a falta de vocacións para traballar neste sector, anos sen solucionar as facilidades para contratar traballadores estranxeiros, anos vendo como a Comisión de Pesca estigmatiza ao sector do arrastre culpándoo de todos os males dos nosos mares, anos e anos gobernando en case todas as instancias cun despotismo ilustrado que paga o sector soportando normas totalmente fóra da realidade... En fin, anos no que todos imos languidecendo e nos atopamos con menos forzas para darlle ao noso sector novas que lles fagan ver que temos futuro, que debemos ter futuro, que somos esenciais e moi importantes, e que como tales imos ser tratados.

Alguén dicía que «non hai problema que non podamos resolver xuntos, e moi poucos que podamos resolver por nós mesmos», sen esquecernos de nós mesmos, neste intre só a unión do sector coas súas Administracións máis próximas, facendo unha estratexia conxunta cara ao futuro -que xa é mañá mesmo-, na que se aposte por manter os buques en condicións de rendibilidade facilitando a súa actividade empresarial.

Porque si, na pesca hai empresas, poderá parar esta hemorraxia, do contrario, ao final está claro, non somos un país para pescadores, non si?