O ribeirense Francisco Antonio Vidal recolleu o premio Laudamuco

Ribeira / La Voz

RIBEIRA

Francisco Antonio Vidal recollendo o galardón
Francisco Antonio Vidal recollendo o galardón cedida

O colaborador de La Voz gañou o certame co traballo teatral «A vinganza de Fortimbrás»

16 may 2021 . Actualizado a las 17:37 h.

O ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco foi o gañador do terceiro Premio Laudamuco para textos teatrais, que convoca o Concello de Brión, xunto coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, e que está dotado dun premio de 7.000 euros, a edición da obra e unha figura conmemorativa elaborada polo prestixioso artesán Xosé Vizoso. O colaborador de La Voz de Galicia na edición de Barbanza resultou galardonado pola súa obra A vinganza de Fortimbrás, e recolleu o premio de mans da concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez.  

Vidal Blanco agradeceu «o celo posto na edición por parte de Edicións Positivas e a maiúscula sensibilidade coa cultura do Concello de Brión, tendo en conta ademais a data de entrega. Non só pola conmemoración da posta en escena do Laudamuco, senón tamén por preceder á celebración do 17 de maio, Día das Letras, e o 18 de maio, o Día das Irmandades da Fala. Porque letras e fala son os piares do teatro e do idioma». Tamén tivo palabras para «lembrar a todos os profesionais das artes escénicas, que non están a pasar polo seu mellor momento, e aproveito para aplaudir tantas iniciativas de apoio e solidariedade que vimos ao longo de todo este tempo de pandemia».

 Sobre A vinganza de Fortimbrás, Francisco Antonio Vidal explicou: «Escribín este libro inspirado nas tramas case invisibles do Hamlet de Shakespeare. A obra obrigoume a tomar partido e envolverme en pequenos detalles que noutras lecturas puideron quedar desapercibidos. Gustaríame, pois, que entendésedes que esta obra é unha relectura da famosa traxedia», puntualizando que na obra «non hai personaxes principais e secundarios». De feito, actores do Teatro de Cámara Ditea, acompañados polo presentador do acto e técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, puxeron en escena algunhas partes do libro diante da trintena de persoas presentes na sala de exposicións de Brión.