A Semana Cultural volve a Aguiño para honrar a Francisco Lorenzo Mariño con humor, maxia e o recordo do Santa Isabel

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Imagen de la ofrenda floral realizada en el mes de enero del 2020
Imagen de la ofrenda floral realizada en el mes de enero del 2020 MARCOS CREO

Os actos desenvolveranse os días 28, 29 e 30 de maio, e compoñen unha proposta «pensada para todas e cada unha das persoas» que conforman a parroquia de Aguiño

14 may 2021 . Actualizado a las 13:37 h.

A Asociación Francisco Lorenzo Mariño xa ten preparada unha nova edición, e xa van 16, da Semana Cultural na que pretende divulgar a súa «identidade e tradición». Os actos desenvolveranse os días 28, 29 e 30 de maio, e compoñen unha proposta «pensada para todas e cada unha das persoas» que conforman a parroquia de Aguiño. «Queremos que se sintan reflectidos nas actividades todos os grupos de idade. Por elo programamos eventos onde grandes e cativos teñamos un espazo que ocupar», apunta a organización.

Nesta ocasión decidiuse dedicar a xornada inaugural «á efeméride da traxedia do Santa Isabel e ao comportamento heroico das veciñas e veciños de Sálvora en particular, e de Aguiño e Ribeira en xeral, naquela noite aciaga na que perderon a vida 213 persoas dos 266 tripulante».

O programa de actos

O 28 de maio, na aula de música aguiñense ás 20.30 horas, comeza a Semana Cultural con conferencias relacionadas con Sálvora e o Santa Isabel con motivo do centenario do naufraxio. Ademais, actuará o grupo de canto e pandeireta As Sete Linguas, da Asociación Francisco Lorenzo Mariño.

Na tarde do sábado 29 renderase homenaxe ao párroco que da nome ao colectivo no cemiterio de Porto do Son. O acto será ás 17.30 horas, e haberá unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto. Acompañará un grupo de gaitas do país. Xa ás 20.30, e na aula de música de Aguiño, Cándido Pazó subirase ao escenario co seu espectáculo Eu non digo nada. Contos, comedias e outras lerias.

A maxia será a protagonista o domingo para pechar as actividades. O Mago Román fará gozar aos asistentes cunha función destinada ao público infantil e familiar, na que os trucos se mesturan co humor e no que o espectador ten un papel moi importante.

Para acudir aos espectáculos haberá que facer unha reserva previa da localidade, xa que o aforo máximo estará supeditado ás medidas anticovid vixentes no momento. Os interesados en participar nas actividades deberán enviar un correo electrónico ao enderezo aflm.aguinho@gmail.com. A organización responderá confirmando a reserva.