Lameira

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

29 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei que fixemos mal neste mundo para termos que aturar a todas horas, por babor e por estribor, a campaña electoral madrileña. Se por xeral, toda campaña electoral adoita poñer de mal humor, o que está a pasar en Madrid é como ver unha combinación de baixo custe de The office, Fleabag, Vota Juan e os chistes de Rue del Percebe número 13 todo xunto.  

Temos que aturar nas pantallas que unha panda de rapazolos mal criados xoguen con palabras que, todas elas, lles veñen demasiado grandes e que colleron do caixón de papá cando se despistou. Mañá mesmo púñaos a aprender listas completas de reis godos ou afiliados a partidos políticos da II República, a escoller.

Se eu fose elector madrileño, o que esta xente está a facer pareceríame unha falta de respecto absoluto cara min e sobre todo cara os meus impostos. Non me parece mal o uso da estratexia e da propaganda política, cosubstancial ao xogo político democrático, senón a transformación perversa dese espazo público que son unhas eleccións autonómicas no taboleiro de xogo de partidas particulares. O problema é como todo o mundo lles fai o baile e entra en discusións que non teñen outro obxectivo que levar os temas ao rego de cada un.

Teño que dicir que para min o problema non está nos lameiros nos que se enfangue a política madrileña: a min o que me preocupa é en que medida nos pode saltar a nós a lama, que é onde está o problema. Porque xa sabemos que aquí chove moito e chegará un día no que o solo non dea tragado máis auga.