O buscador de historias que se atreveu a escribir

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Francisco Antonio Vidal vén de recibir un novo galardón literario que se suma aos que atesoura na súa longa traxectoria

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai algo que apaixona ao ribeirense Francisco Antonio Vidal (Palmeira, 1957) é descubrir e contar historias. Recoñece que é unha inquietude que o acompañou desde sempre, que lle vén da época do instituto en Ribeira, de aí o seu interese pola etnografía: «Unha lenda, unha historia, dános as claves do sitio onde se desenvolve. Falar deses detalles, enmarcalos, ver de onde xorden eses relatos e a relación que teñen coa realidade é moi interesante, obrígache a investigar». Quizais por iso, a busca de documentación é unha das partes que máis lle gustan do proceso creativo para dar forma aos seus libros. Porén, o paso de atreverse a escribir e, sobre todo, a deixarse ler non foi inmediato.

El ten claro cal é a orixe de toda vocación literaria: «As lecturas. Unha persoa non escribe se non le antes, as lecturas ábrenche a porta a historias e a contar as túas propias. E logo está o entorno, as persoas que che rodean e que dalgún xeito van facendo que te atrevas a deixar que os demais lean o que escribes». No seu caso, o punto de inflexión, a persoa que fixo que dera o paso, foi Pancho Pillado: «El animoume a seguir escribindo, e un día envioume unha revista na que se publicaba un conto que escribira eu, iso motivoume. Tanto foi así, que Francisco Antonio Vidal iniciou unha carreira literaria que lle valeu diversos galardóns -entre eles o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba, o de Narración de Aventura Avilés de Taramancos ou, no 2017, o Sereo 2017 de Barbantia á súa traxectoria cultural-, aos que vén de sumarse o Laudamuco para textos teatrais, un terreo ata o de agora inexplorado polo palmeirense e que lle permitiu estrearse no xénero coa publicación da obra gañadora, A vinganza de Fortimbrás.

«Ao ler Hamlet aparecen personaxes secundarios, e incluso menos relevantes, que dan moito xogo e intentei traelos á primeira liña. Para iso non só lin a Shakespeare, tamén a obra de Cunqueiro, que é moi importante porque pon en dúbida que Hamlet sexa fillo do rei, e tiven en conta a lenda xermánica na que está baseada a obra. Xogando con eses ingredientes fixen este cóctel», explica sobre o título que, previsiblemente, verá a luz en maio.

Distintos xéneros

A pesar deste éxito, e da entusiasta conclusión do xurado destacando o dominio da linguaxe teatral que mostra Vidal, non ten en absoluto claro se seguirá afondando neste xénero literario: «Os camiños do futuro nunca se coñecen». Do que non ten dúbidas é do tipo que escritor que é: «O meu evidentemente é a narrativa, escribir novelas, e gústame moito o traballo de documentación. As publicacións no xornal tamén me motivan moito, non só porque me permiten estar ao día da actualidade, senón porque é outra forma de escribir. E o do teatro non sei, cada historia pídeche un formato, e esta última obra pedíame o xénero teatral, depende do tipo de historia».

En canto o papel que xogan os premios literarios como motivación á hora de seguir escribindo, recoñece que son un acicate, aínda nun mundo literario que é complexo: «Escribir en Galicia polo xeral é para que se publiquen cincocentos exemplares e que che lean dez, así que os premios son unha forma de recoñecer ese traballo e as horas de encerro buscando información e dando forma ás historias».

Recibiu o seu primeiro galardón alá polo ano 1992, e logo viñeron uns cantos máis, todos eles especiais por igual: «Recordo todos os premios con cariño porque cada un ten algo diferente. O primeiro é algo marabilloso porque se valora algo que fixestes ti e iso é motivador. Tamén foi moi especial o Terra de Melide, para min foi sorprendente gañalo, foi unha alegría tremenda».

Sobre a súa participación en novos certames literarios no futuro, non o descarta, pero asegura que non son a súa prioridade, nin ten ningunha espiña cravada nese sentido: «Non escribo coa intención de enviar as obras a certames, se unha cousa está feita e vexo que pode encaixar envíoa. Foi o que pasou con A vinganza de Fortimbrás, tiña iso escrito e non sabía moi ben que facer con el, decidín envialo ao concurso por se había a posibilidade de que se publicara».

E así será. Mentres, Francisco Antonio Vidal non ten tempo para o aburrimento, segue escribindo, buscando e descubrindo historias: «Parece que temos lendas propias que son únicas, e resulta que se repiten en moitos lugares, hai unha conexión, e atopar esas relacións é moi interesante. As lendas tamén viaxan no tempo e no espazo».