Ribeira non ten museo do mar

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

RIBEIRA

Baracos de baixura de Ribeira, Aguiño, A Pobra, Cabo de Cruz e Palmeira, concentrados en augas ribeirenses o 26 de marzo
Baracos de baixura de Ribeira, Aguiño, A Pobra, Cabo de Cruz e Palmeira, concentrados en augas ribeirenses o 26 de marzo CARMELA QUEIJEIRO

15 abr 2021 . Actualizado a las 09:47 h.

Hai que ver como se nos enche a boca cando falamos da importancia pesqueira de Ribeira: «Somos o primeiro porto de baixura de España!». E poucos se atreven a discutir ese feito, gañado a pulso polos homes e mulleres que compoñen todo o tecido pesqueiro marisqueiro do noso pobo.

Algúns de nós tamén lembramos con orgullo aqueles importantes inicios da pesca, da industria pesqueira e da construción naval, levados a cabo en Ribeira, Palmeira, Castiñeiras e máis recentemente en Aguiño. Homes como Saavedra, mestre indiscutible dos carpinteiros de ribeira, que construíron fortes e airosos pailebotes, racús, iates, vapores e motoras que navegaron por todo o litoral da península e ata as illas Canarias. Enxeñeiros prácticos capaces de fabricar motores tal que os irmáns Martínez e tantos outros. Sen esquecer os mariñeiros, logo patróns e despois armadores. Pero tempus fugit, como dicían os clásicos. Xa que logo, a xente nova e non tan nova deste pobo, xerme de mariñeiros, pode estar a piques de descoñecer cal foi a orixe deste auxe industrial relacionado co mar. E aí vai o reto para os políticos. Ata o de agora, ningún deles foi capaz de acometer un museo do mar. Nos tempos da posguerra ata os 70 non estaba a cousa para museos. Había outras prioridades imprescindibles; tal que así o pensaron bos alcaldes coma Miguel Rodríguez Bautista e outros posteriores. Pero logo, na época de bonanza, a maioría dos mandatarios pecaron de curtidade de miras, como se puxesen os prismáticos do revés. Parecía que estiveran máis preocupados de estragar a arquitectura urbana (supoño que por falta de gusto e non mala intención), que de dar a coñecer a cultura mariñeira, berce da prosperidade do municipio e motor de toda a comarca.

Se botamos unha ollada arredor dos pobos que compoñen a nosa entorna, vemos pequenos e interesantes museos dedicados ao mar en Noia, Porto do Son, Rianxo e Boiro. Mentres Ribeira, con toda a historia mariñeira e potencial de que dispón, non é quen de ter un museo importante que aglutine todos os oficios e artes pesqueiras, marisqueiras, de construción naval, motores mariños, conserveiras, industrias de salgadura, redeiras, veleiras, amén da evolución dos aparellos náuticos, desde o escandallo ou a corredera ata os actuais radares, sondas ou GPS.

Pensemos con altura de miras (nada de cousiñas como as que agora temos), en liña con Ribeira e a súa incomparable riqueza marítimo pesqueira. Un museo que, amais do merecido recoñecemento os emprendedores que fixeron posible o actual progreso, sirva para fomentar a economía local, aportando un novo e imprescindible atractivo turístico. Para elo, debe converterse en referente de todos cantos museos na contorna existen; atraendo visitantes que non acaban de entender que Ribeira, porto e pobo mariñeiro sen parangón en España, non teña un museo acorde coa súa importancia. Penso que o gran Chipperfield, sempre predisposto, estará encantado de crear algo que poña a Ribeira no ránking dos mellores museos galegos dedicados ao mar.