Memoria popular de Ribeira

La Voz

RIBEIRA

27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Novo Salgado, aínda que nado en Teo en 1947, dende os anos setenta viviu en Ribeira, cidade na que se dedicará á hostalaría, na histórica cafetería Nordeste. E sobre a súa especialidade publicará as obras Vocabulario de cócteles (1991), O libro dos cócteles galegos (1993) e A barra por dentro (1995). Pero o que lle deu popularidade na súa vila de acollida foron as obras nas que recolleu a memoria e as anécdotas de todos os personaxes famosos da cidade de adopción. Así, en 1994 publica Contos verdadeiros, e no ano 1997 publica na Coruña as obras Ilustres anónimos. Historias verdadeiras I e Ilustres anónimos. Historias verdadeiras II. Pero quizais a obra máis interesante para o Barbanza é Contos verdadeiros. 10 personaxes que non precisan autor. Unha obra que recolle as semblanzas narrativas de personaxes lembrados na memoria popular como Saavedra, Ramón Púa e Parada.

Ademais destes libros, Novo Salgado colaborou na sección do Barbanza de La Voz de Galicia con varios artigos, entre os que se pode citar O moneco travestido, publicado o 8 de xaneiro de 1995.

Falecido o 30 de xuño de 1999, o xornal no que colaboraba daba a noticia deste xeito: «La muerte de Antonio Novo causó consternación en Ribeira». Tras a súa morte publicaron sentidas necrolóxicas Perfecto García Neira e X. Sánchez Puga.