A voltas con don Miguel

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

RIBEIRA

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Édifícil de resumir nun artigo con espazo limitado, as cousas boas que Ribeira lle debe ao ben facer de Miguel Rodríguez Bautista desde o seu nomeamento como alcalde, no ano 41, ata o seu pasamento, o 15 de agosto de 1959. Inda así, tentarei facer un breve relato das súas bondades; deixando para mentes máis lúcidas e menos limpas de prexuízos que a miña (tal coido que é a de Manuel Monge), as consideracións pexorativas do persoeiro.

Relatarei unhas cantas obras das moitas feitas polo grande e querido alcalde: o colexio O Grupo; as escolas unitarias de Corrubedo, Palmeira, Carreira e Oleiros; o matadoiro municipal; a rede de sumidoiros; abastecemento de augas a Ribeira; praza de abastos; cuartel da garda civil; xestións para a ampliación do porto «para que puideran atracar embarcacións coa marea baixa»; construción da nova lonxa; 30 vivendas protexidas (das que, por certo, ao menos dous dos pais de membros significativos da Memoria Histórica de Ribeira tiveron a sorte de dispor delas); clínica, chamada Obra Sindical de 18 de julio, un servizo médico modélico a cargo de tres especialistas e asistencia domiciliaria, do que o nome era o que tiña que ser por mandato legal; ampliación dos cemiterios municipais de Ribeira e Palmeira ; creación da biblioteca municipal; municipalización do alumeado público; regulamento da garda municipal que ata entón non existía; cesión das lonxas as confrarías; compra de solar para a escola de artes e oficios, «tendo en conta que a gran maioría de alumnos de ambos sexos, pertencen a familias de condición humilde...»; mercado municipal; adhesión ao consorcio de repoboación forestal por primeira vez na historia municipal de Ribeira; xestión ante o ISM e consecución da casa do pescador de Ribeira, así como a primeira solicitude para conseguir un centro de ensinanza marítimo pesqueira; apertura das rúas máis importantes de Ribeira...

E por se todo o anterior non fose suficiente para considerar a don Miguel como o mellor alcalde de Ribeira, podemos falar da súa vertente humana: escola de adultos para erradicar dunha vez o analfabetismo; regulación do xornal dun obreiro (cousa inédita nun concello), ao determinar que «non debe baixar das 20 pesetas diarias»; interese persoal do alcalde para habilitar bolsas anuais coas que puideran estudar fillos de familias pobres (Monge poderíalle preguntar ao gran teólogo Andrés Torres Queiruga, quen, afortunadamente, foi un dos beneficiarios dunha desas bolsas); gratificación municipal ao mestre da illa de Sálvora; axuda a provisión de medicamentos para beneficencia...

Aos 23 días de que Ribeira gañase o primeiro concurso de embelecemento de pobos, Rodríguez Bautista, sen dúbida gozando do recoñecemento do réxime franquista, pero sobre todo dos veciños do seu pobo, morreu pobre, sen tomar xamais represalias a ninguén. E por último, saiba Monge que esta información atópase nos arquivos municipais e que tamén lle pode preguntar aos fillos e netos dos doce concelleiros que asinaron o nomeamento de fillo adoptivo a don Miguel, no ano 1948. Levarase máis dunha sorpresa.