Nove cancións, 40 minutos de imaxes e un mesmo fío condutor, Satanasiño

O ribeirense alíase co seu demo interior nun traballo que sae en formato de videoálbum


ribeira / la voz

Foi hai un ano cando Javi Maneiro empezou a darlle forma ao seu terceiro traballo discográfico. Tiña claro que quería ofrecerlle aos seus incondicionais un conxunto de cancións de autor, interpretadas en acústico, pero non sabía que algo que estaba por acontecer o obrigaría a mudar case por completo esa idea. En marzo, cando xa tiña preparados catro temas e pretendía lanzarse con eles a por todas, chegou o coronavirus e con el, o obrigado confinamento. A cabeza do artista de Ribeira, como a de tantos outros mortais, encheuse de preguntas, de inquedanzas e de medos, que afloraban algunha noite en forma de pesadelos. Dun deles xurdiu a concepción definitiva de Palabras de un desconocido, un traballo que é moito máis ca un disco, pois preséntase no formato de videoálbum.

«Considerei necesario o uso da imaxe para poder explicar a historia que quería contar», comenta Maneiro. Durante o encerro soñou que lle falecía un familiar directo e que non se podía despedir del, o que o levou a afundirse nun pozo. Dese pesadelo naceu o tema Cenizas, cielo y tierra, pero tamén a idea de conectar a través dun fío condutor todas as composicións ideadas para este novo traballo: unha catarse xurdida despois dun encontro co seu demo interior. O seu Satanasiño particular é un demo bo que o axuda a saír da escuridade, emprendendo con el unha viaxe que transcorre por diversos recunchos de Barbanza e chega a Oporto.

Ese percorrido que Javi Maneiro fai con Aurelio Martínez, actor que encarna a Satanasiño, foi recollido nun vídeo de 40 minutos, imaxes que redondean as nove cancións compostas e interpretadas polo cantante de Ribeira para esta ocasión. O parque de San Roque, as rúas de Ribeira, o chiringuito de Area Secada, o Ateneo Valle-Inclán, o monte da Curota e a ponte medieval de Xuño son algúns dos lugares que o artista e o seu demo particular van deixando atrás nunha ruta para a que empregan desde unha Vespa con sidecar ata unha lancha, pasando por unha bicicleta eléctrica.

Javi Maneiro cumpre así os consellos que lle fai Satanasiño, con quen descobre a importancia de gozar do momento e logra así poñerlle un final feliz á historia que arrancara no fondo dun pozo en pleno confinamento.

Estrea pendente

O ribeirense é consciente de que non corren bos tempos para a lírica, pero tamén sabe que un artista non pode parar de crear: «A situación é de incerteza total, por iso me permitín dedicarlle a este traballo tempo e por iso optei agora por non sacar discos físicos, senón que a idea é que as miñas cancións estean nas plataformas dixitais e logo lanzar o vídeo en YouTube». Antes, o traballo audiovisual será presentado «nun lugar incrible», que aínda non se pode desvelar. Para os románticos, como explica o propio artista, están á venda unhas caixas que agochan un pendrive cos audios dos nove temas que conforman estas Palabras de un desconocido e cunha selección de cancións dos dous anteriores traballos, Furtivos e Acaricia mis arrugas.

O covid serviulle para redondear un traballo brutal e agora Javi Maneiro pídelle que lle deixe, tanto a el como aos seus colegas, amosárllelo ao público como ten que ser: «Os músicos o que queremos é tocar. Puidemos seguir compoñendo e gravando, pero ansiamos verlle a cara ao público, comprobar cal é a súa reacción». Sentíndose afortunado por poder ofrecer a súa nova aposta musical, non oculta a pena por non poder estreala como lle gustaría: «A vida dun compositor ten dúas partes fundamentais, o traballo íntimo e o comunicativo. Unha cousa sen a outra non ten sentido».

O disco. Cuervo, Cayetano, Antonio Bermo, Pachi, Rosendo, Pony, Manu Rey, Margarita e Ángela integran a banda de Maneiro.

O vídeo. Está dirixido por Dani Antelo e producido por Toxo Telecom. Da parte fotográfica encargouse Pili Reñones.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Nove cancións, 40 minutos de imaxes e un mesmo fío condutor, Satanasiño