As Saíñas e A Lagoíña

ISABEL SANTOS A VOZ DE BARBANTIA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Isabel Santos afonda na orixe dos termos dos dous topónimos entre os que se atopa Palmeira

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando algún forasteiro me pregunta de onde son, respondo que «son de Ribeira». Unha vez situada Ribeira, eu preciso, con fachenda, que «en realidade, son de Palmeira, un pobo pequeniño que se atopa entre Ribeira e Pobra do Caramiñal».

Dous hidrónimos, é dicir, vocábulos que teñen que ver coa auga, nomean os barrios que illan Palmeira de Ribeira (As Saíñas) e da Pobra do Caramiñal (A Lagoíña), serpenteados ambos os dous por cadanseu regato.

O termo saíñas provén do substantivo latino salinae, -arum, que sempre se declina en plural e que alude ás bocanas marítimas nas que se apaña o sal. O sal coñecíase dende a Antigüidade como «ouro branco», e as técnicas de salgado de peixe que os empresarios cataláns trouxeron a Galicia deixaron importante pegada en Palmeira.

A palabra lagoíña é hipocorístico de lacuna, -ae («lagoa»), á súa vez diminutivo de lacus, -us («lago»). Tantas voltas deron os étimos cantas as augas que bordearon As Saíñas e A Lagoíña.