Antonio Pérez: O ribeirense que lle deu cor á morriña

lucía eiras / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Comezou de rapaz a pintar e nunca foi quen de parar, pero agora está a probar a técnica do gravado

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O lapis e o papel son, para moitos nenos, o primeiro xoguete co que experimentar. Para outros, en cambio, convértense en compañeiros de vida que xa nunca van marchar. Cando Antonio Pérez comezou na escola con seis anos, os mestres decatáronse de que el ía pertencer ao segundo grupo: «Acercábanse ata a miña mesa para dicirme o ben que debuxaba».

Por un tempo tivo que deixar a súa paixón de lado, pois embarcou de mozo con seu pai. Despois de cinco anos a bordo con el, estivo outros dez por augas surafricanas. Finalmente, decidiu quedar en terra para axudarlle á súa muller co negocio, o que lle permitía ter máis tempo libre. Sen dubidalo, retomou a súa gran paixón, a pintura, e volveu coller o pincel: «Todo foi descorrendo de maneira natural. Despois de ver moitas obras, exposicións e ler moito de pintura, fun aprendendo cousas».

De maneira completamente autodidacta, Antonio Pérez sempre soubo que ver era a mellor maneira de aprender: «Sempre me fixei nos grandes mestres para poder levar a cabo as miñas obras. Tiña de exemplo a Rembrandt, que para min é o máis completo en tódolos sentidos».

Aprendiz e mestre

En 1987, en Ribeira, montou a súa propia academia, para pequenos e maiores, onde compartía cos seus alumnos a paixón que os unía. Isto permitiulle ensinar e aprender ó mesmo tempo, compartir e formarse nun traballo que, máis que tal, para el é «unha maneira de vivir. Cando vives intensamente a arte todo che recorda a ela. Sempre estás pensando en que vai ser o que representes na próxima obra». Pero calquera bo artista agocha os seus segredos, e aínda que Pérez non sexa un home de manías, non sempre un está igual de inspirado para crear obras de arte: «Teño cadros que levan meses, outros anos, de cara á parede. Non che acaban de convencer e déixalos aí. Pode que acabes algún, pero tamén hai moitos que nunca máis volves tocar. Se non che gusta o que estás pintando dáche a sensación de que non o sabes facer».

Recordos, vivencias e experiencias é aquilo que Antonio Pérez desexa representar nas súas obras: «Intentei facer cousas máis modernas, pero non me saen. Sempre que intento saír do tradicional acabo volvendo. Ao final relaciono sempre as miñas obras con aquilo que vivín, especialmente co mar».

Este ano intentou mudar os seus costumes e introducirse de cheo nunha nova técnica, o gravado, do cal leva xa máis de cen exemplares. Mais o estado de alarma fixo que quedara no estudo da casa e volvera ao óleo. É a técnica coa que comezou a súa andaina, e pola que aínda mantén un cariño especial: «Úsoo dependendo da época do ano e do meu estado de ánimo». Nunha situación sen ningún tipo de precedente no país, o ribeirense volveu representar os costumes galegos, reflectindo a morriña que lle producía non poder saír á rúa: «Creo que o cadro que mellor representa isto é A espera, no que un grupo de mulleres esperan polos maridos mariñeiros. Elas esperan iso como eu agardaba na casa poder saír». Unha corentena que dou lugar a oito obras que están dispoñibles na exposición do bar Xanxo. Non é a única, xa que ten outra pendente para agosto no café Amanitas da Pobra con máis dunha ducia de cadros.

Coa volta á normalidade, Pérez regresou ao seu estudo e academia, aínda que non retomou, polo de agora, as clases. Continúa experimentando co gravado, unha maneira de crear arte que lle gusta especialmente por poder probar e xogar: «Un día uso uns materiais, outros días outros, e ao final o resultado é completamente diferente. O que ves na prancha hai veces que non ten nada que ver co que acaba saíndo».

Cadros que cruzan fronteiras

O que un día comezou nunha escola de Ribeira goza hoxe de título internacional, xa que as obras do ribeirense teñen boa acollida entre os locais, pero tamén entre os foráneos. Moita xente doutros sitios sen costume mariñeira interésase polos cadros e o representado neles, trasladándolle un pequeno anaco da paisaxe galega e dos costumes da terra. Pero non é o único triunfo, xa que o pequeno rapaz ao que lle gustaba debuxar conseguiu que as súas obras viaxen polo mundo, colándose en fogares franceses e italianos. Outros cruzaron o charco para lucir nos Estados Unidos.