Unha hora máis

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

18 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non, non se preocupen. Non estou pedindo en público un cambio de horario laboral. O outro día por fin atopei un oco para poder ir ver o Outeiro de Santiaguiño, localizado en Corrubedo, un lugar que tiña gañas de coñecer desde que lin o artigo da revista Nós no que Cuevillas e Bouza Brey nos ofrecían, por primeira vez, unha panorámica da prehistoria e o folclore da nosa comarca á altura do ano 1927.

O señor Antonio Fernández, veciño de Ribeira, contáballes que nunha peneda dun monte próximo á lagoa do Carregal estaba aínda a pegada do cabalo de Roldán, «dada cando este pediu, despois do sol posto, unha hora de día para derrubar os inimigos da cidade de Valverde. E é desde entón que, despois do sol posto, hai unha hora de luz». Ese é o noso outeiro.

Que o cabalo fose de Roldán ou de Santiago é cousa que aínda hai que discutir. As boas señoras da praia do Prado xuráronme que de Roldán nada: o responsable da desfeita fora o cabalo branco de Santiago. Perdón, de Santiaguiño, porque tratan ao apóstolo coma se fora un neto e quen llo vai negar.

Velaí segue a pegada, e dous estraños símbolos máis que convidan a especular co ciclo carolinxio, o artúrico e mesmo con Xogo de Tronos. O petróglifo zafou de milagre de ficar anegado el tamén, pero nas augas fecais de Corrubedo, cando fixeron a estación depuradora alá polo ano 2011. Agora, sobrevive coma un mileurista, sen estar libre dun mal susto calquera día. Merece un respecto aínda que só sexa pola lenda que acredita a invención dos máis longos solpores da costa galega: os do Barbanza.