Sen festas hai paraíso igual


Veñen de anunciar que este ano non se celebrarán outras tres das grandes festas barbancesas, como son a Guadalupe, o Nazareno e as de Ribeira, que se suman ás de Boiro que xa se deran por aprazadas con anterioridade. Na antiga Roma, o panem et circenses era a medicina dos gobernantes para ter ao pobo ocupado noutras cuestións distintas a aquelas que o puideran alterar, pero co maldito coronavirus semella que, hoxe, nin circo, nin verbenas poderán ser empregadas como recurso para entreter ao cidadán. Pero para que queremos circo se os políticos case a diario nos brindan un espectáculo á altura do dos leóns que xantaban probes cristiáns ou o das loitas de gladiadores.

E como queda claro que non vai haber circenses pode que o panem nos faga mirar para outro lado. De feito, dá a impresión de que o reparto está en marcha a través desa especie de poxa na que están metidos os gobernos de todos os niveis anunciando millóns de euros para a salvación. Pero, como non temos circo nin verbenas, dásenos por pensar que seguro que volverá a pasar o mesmo que pasou con moitos plans e programas de axuda, nos que os cartos acabaron nas mans de afíns e lerchos, de amiguetes e especuladores.

Todas son incertezas e temos por diante un longo verán no que estaremos a tremer por un rebrote outonal que nos obrigue a encerrarnos de novo nas casas e facer do aplauso das oito a principal motivación do día. Un verán sen festas neste noso paraíso no que fixemos do xentilicio madrileño o que fixeron co noso «gallego» en Sudamérica para referirse aos españois.

Moito circo e máis pan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Sen festas hai paraíso igual