José Manuel Prado Rey, sempre arrimando o ombro

Unai González

RIBEIRA

Xosé Manuel Prado
Xosé Manuel Prado

O veciño de Aguiño faleceu aos 72 anos de idade

06 jun 2020 . Actualizado a las 12:51 h.

Cando unha persoa está enferma os demais sabemos que tarde ou cedo os feitos poden precipitarse e chegar a despedida. Isto pode supoñer un pranto máis livián, pero non deixa de ser a mesma coitelada na alma que che produce a perda dun ser querido, máis se quen abandona este mundo é unha persoa traballadora, humilde, solidaria e sempre disposta a arrimar o ombreiro alí onde foxe requirido.

Un home bo, así podemos definir a Prado, como todos o coñecemos en Aguiño, mariñeiro de profesión e ata o derradeiro instante, primeiro na busca do seu pan de cada día e despois, xa xubilado, coa súa dorniña a coller a caldeirada, non por falta de alimento, senón porque un home feito no mar non pode deixar o océano ata o último alento.

Prado estivo na comisión de festas do carme axudando varios anos, pedindo de porta en porta, montando mesas, repartindo sardiñas, pegando carteis ou o que fixera falta.

Romaxes de Crentes Galegos

Estivo tamén na parroquia, colaborando con Paco, con Álvaro, con Cesáreo… e era asiduo participante das Romaxes de Crentes Galegos, a onde non faltaba si o tempo llo permitía, sempre acompañado de Lelucha, a súa dona, dos amigos Vitoria e Amador e do resto da xente da parroquia que acudía a esta celebración dende 1978.

Pero de todas estas cousas, quédome sen dúbida coa súa implicación na asociación Francisco Lorenzo Mariño, formando parte da directiva ata a actualidade. Non é a primeira vez que falta un directivo da nosa entidade, xa pasou antes con Marisol Ayaso, unha perda irreparable para a asociación e para o pobo, ao igual que o é a marcha de Prado. Díxenlle cando era presidente si quería vir comigo e non o dubidou, traballando arreo no que fixera falta, defendendo os intereses de Aguiño e a súa veciñanza contra quen fose… Un exemplo de dedicación, de traballo, de entrega, de compromiso e de fidelidade.

Hoxe, Prado marchou a arrimar o ombro a outro lugar, alí terá con quen parolar e a quen axudar para seguir alentándonos dende arriba, porque quen coñece os ventos do mar saberá ben orientalos dende o ceo para axudarnos na nosa singradura. Mañá, ás 17.45 horas, será enterrado no cemiterio da igrexa de Nosa Señora do Carme de Aguiño. D.E.P. amigo!