Manuel Romero: Un home feito a si mesmo

Pastor Rodríguez

RIBEIRA

MARCOS CREO

«Manuel Romero era un hombe ao que a vida obrigou a non ter un momento de acougo, e sospeitamos que aínda estaba nese proceso como se pode comprobar nas súas últimas obras»

16 feb 2020 . Actualizado a las 20:22 h.

Un pode nacer no Tormes ou no Támesis que, de nacer artista, a súa biografía vaino perseguir toda a vida. Como os recordos. Necesidade de darlle forma a esa visión particular que só os grandes artistas posúen. Moitas cousas se veñen a dicir deste importante e singular pintor, todas elas salientando a súa calidade e a construción do seu percorrer artístico, un percorrer que o levou coma nómade dun lugar a outro nunha peregrinaxe que enriqueceu en grande maneira a súa ollada sobre o universo, unha ollada que queda ben reflectida na súa obra.

Manuel Romero Castro era, xa que logo, un home feito a si mesmo, un self made man, ou mellor dito un home ao que a vida obrigou a non ter un momento de acougo, e sospeitamos que aínda estaba nese proceso como se pode comprobar nas súas últimas obras. Como moi poucos artistas, os electos, todo parecía indicar que a vida deste gran pintor sería a do típico perdedor, o loser tan ben reflectido pola novelística e o cinema norteamericano: todos os datos confirmados por el mesmo da súa infancia, adolescencia e vida en xeral non deixaban adiviñar a grandísima vida intelectual e sensitiva deste home. Por azares da vida, que algún chegou a comparar coa anagnórise grega, coincidiu con outros artistas da súa talla, e inseriuse na escena cultural británica dos anos 70-80, que como todo mundo coñece deu unha morea de grandes creadores en todos os ámbitos da cultura.

 

 

A súa morte colleunos en plena conversa sobre a importancia da súa obra, o seu total anonimato ata hai ben pouco nestas terras e a confusión que algún dos seus cadros ten provocado. As meditacións sobre a exposición Mis etapas, exposición coa que pretendía amosar os seus diferentes estilos, faranse agora moitísimo máis vizosas e fecundas. A nós só nos resta un longo exercicio de reflexión e a capacidade, canto menos mínima, de sermos quen de completar a totalidade do seu proxecto artístico co equilibrio e os coñecementos que se precisan.

 

Manuel Romero era un pintor moi importante; Lucian Freud e Francis Bacon tamén, sós ou en grupo. Descanse en paz e nós desfrutemos da súa obra; unha obra que merece unha contemplación de vagar e unha reflexión profunda incesante.