Flori: «Non hai un porteiro que estea san da cabeza»

RIBEIRA

MARCOS CREO

De dianteiro ou baixo paus, o agora xogador do Esclavitude foi un dos primeiros rapaces de cor no fútbol na comarca

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre baixo paus, dono duns reflexos felinos, Juan Luis Hernández, Flori (República Dominicana, 1987), converteuse nun xogador mítico do fútbol barbancés. De sangue latina e corazón galego, querido e respectado por todos, formou parte do último Atlético Ribeira que deu o salto á Preferente Norte.

-Porteiro ou dianteiro?

-Este ano no Esclavitude estou xogando de porteiro. A pasada tempada fixemos moi rápido os puntos da salvación, puiden xogar arriba bastante.

-Pero, que lle tira máis?

-Divírtome máis no campo, pero o meu forte é a portería. Ser porteiro é algo diferente, un mundo aparte.

-Din que están todos tolos.

-Non hai un porteiro que estea san da cabeza, iso xa cho digo eu, pasamos moito tempo sós [ri]. Incluso adestrando, dunha hora e media que dura unha sesión, estás co grupo 20 minutos.

-Foi para o Esclavitude buscando seriedade. Atopouna?

-Si, a verdade é que sorprende que, sendo un equipo de Primeira Autonómica no que non se cobra nada, haxa tanto compromiso. O obxectivo é salvarnos, pero agora esta liga parece a Preferente de hai dez anos. Hai xente con soldos. É triste, pero é así.

-Cal é a etapa que máis gozou?

-A de xuvenil no Palmeira, polo ascenso a Liga Galega e o subcampionato galego. En sénior, co Ribeira, subimos a Preferente e mantivémonos dúas tempadas. Eses anos pasámolos moi ben, éramos un equipo, unha piña.

-No Ribeira tocoulle tamén vivir a parte mala do fútbol. Impagos, descensos...

-Por desgraza si, menos mal que ese ano estábamos salvados. A seguinte tempada estiven dous meses e marchei para o Sálvora. Foi cando pasei de porteiro a xogador. A cabeza estoupoume.

-E o fútbol en Ribeira como o ve a día de hoxe?

-Dóeme dicircho, pero moi mal. Os equipos non adestran e así é moi difícil competir. Non vexo á xente involucrada, facendo os esforzos de baixar ao campo a adestrar. Evidentemente, se non hai cartos non che van esixir, pero ir só seis ou sete... Ao final, o fútbol é pola semana, a fin de semana é un trámite.

-E que papel tivo ou ten este deporte na súa vida?

-Moi importante. Aprendín a xogar aquí e hoxe [polo luns] estou de aniversario. Levo 24 anos en España. Cando cheguei case non sabía nin correr, non sei por que me deu por xogar. Empecei no Grupo, deixando os cóbados contra as pedras, e xa levo 24 anos xogando. O fútbol deume moito, agora quítame tempo, pero é unha afección na que aínda me vexo tres ou catro anos competindo.

-Foi unha das primeiras persoas de cor en xogar ao fútbol nesta zona. Viviu algún episodio racista?

-Tiven algúns, pero agora xa non se vive iso. Teño algunha anécdota de case suspender o partido por subir á grada. Unha cousa é que che chame negro un xogador rival. Estás no campo coa tensión e, se non é ese insulto é outro. Ao fácil vas ao fácil, como si eu lle insulto outra cousa. Pero dende a grada, non é o mesmo, e dóeche. Agora esas cousas non me pasan. É algo moi raro. Fai anos da última vez.

-A que o achaca?

-Á tele, aos medios de comunicación... A xente está máis concienciada que fai anos. É moi difícil que desaparezan eses comentarios, pero agora a xente pensa máis antes de dicir certas cousas. Eu cando vin para Ribeira era dos poucos de cor e nunca tiven problema.

Cortiña e ao pé

Un xogador: Lionel Messi

Un estadio: Camp Nou

Un gol: O de Messi na final de Champions contra o Manchester

Un técnico: Luis Enrique

Un ídolo: Didier Drogba

Unha película: Django Desencadenado

Un lugar: Ribeira

Unha comida: Churrasco asado

Un soño: Ver unha final do Mundial

Un equipo de lenda: O Barça dos seis títulos

Un deporte que non sexa o fútbol: Balonmano

Unha canción: A sky full of stars, de Coldplay