As miñas etapas


Manuel Romero, o internacionalmente recoñecido artista de Noia, está a expoñer na sala Lustres Rivas, de Ribeira, unha retrospectiva da súa prolongada produción, composta por 23 óleos e 3 esculturas, visitable dende o 17 do mes de xaneiro ata o 29 de febreiro deste 2020. Canto ao estilo, vai da figuración á abstracción lírica, pasando polo surrealismo.

A mestría do autor noiés é innegable. A súa estadía londiniense forneceulle unha bagaxe formativa e cultural indubidábel, así como o contacto directo con grandes pintores da Escola de Londres, como Lucian Freud, Francis Bacon ou Frank Auerbach, de largo percorrido vital e artístico, con prolongacións destacadas como a de Jenny Saville.

Pintura icónica

Eliximos, nesta ocasión, o lenzo Rostro de muller, que nos parece acaído como parangón desa pintura icónica neofigurativa da segunda metade do século XX, con múltiples variantes e influencias do expresionismo e mais do informalismo europeos. Unha figuración subxectiva do real (esencialmente o corpo humano), xa que o pintor pinta paisaxes corporais máis alá do que ve: «Lo que vemos en las cosas no está en las cosas, sino en el fondo de nuestra alma» (Dalí: Método paranoico-crítico).

Neste tipo de pintura actúa, pois, a propia experiencia a través do simbólico e do ideolóxico, cunha certa dose de admonición social, a través da expresión verista dunha profunda soidade existencial (Edward Hopper) -propia da posguerra da Segunda Guerra Mundial-, materializada en pinceladas cumpridas e empastadas, dun cromatismo intenso, cálido e desapracíbel, que contrasta co fondo verdoso e o azul vigoroso da ollada.

Un rostro esbozado pero sabedor de profunda expresividade. Os seus ollos son como a ventá -invertida- de Giotto, ao inconsciente. Manuel Romero ofrécenos un retrato psicolóxico, no que aflora o emocional, o caracteriolóxico e o sentimental, sen compracencias, e cun toque caricaturesco no esencial, alla maniera di Velázquez no seu Inocencio X, ou de Freud e a súa Raíña Isabel II, de tan polémica aceptación, por seren retratados como realmente son -representación dos instintos e dos desexos básicos-, e non como pensan que son, ou lles gustaría seren.

Realismo impúdico

E a boca, sen deixar de desprender sensualidade, é tamén expresión dun realismo impúdico, perturbador. Texto en carne viva no que lemos desolación, medo, fecunda explicitude. Efecto que se multiplica á luz da mirada, introspectiva e triste, perdida dentro de si.

Esa falta de redondez é xa invitación ao espectador -autor verdadeiro da obra-, quen debe embeberse na maxia da interpretación. Pero, sobre todo, gozar da beleza estética. A elexía espera aí, nesa cara patética e polifónica que se interroga. Déixate levar pola luz da emoción e ofrece os cinco sentidos, sen obcecarte na (im)posible verdade. A túa é a que conta!

«Rostro de muller» está exposto no Lustres Rivas

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

As miñas etapas