A ministra

Estevo Silva Piñeiro

RIBEIRA

13 ene 2020 . Actualizado a las 09:09 h.

Non é por vacilar, pero saiban vostedes que teño a sorte de coñecer á nova ministra de traballo. Eso, si por coñecer entendemos ter intercambiado nun par de ocasións algunhas frases cordiais e unha breve charla sobre música. Vamos que, coñecela, o que se di coñecela, máis ben pouco ou nada. Pero da nova ministra podo dicir moitas cousas boas.

Yolanda Díaz é avogada laboralista e unha incombustible militante de Esquerda Unida e do Partido Comunista de Galicia; filla de lobo, lobiña. O seu pai Xesús Díaz, historico dirixente de CC.OO , militante do partido e traballador de Astano durante o franquismo, foi metido na cadea dúas veces pola constante defensa dos traballadores nesta navieira.

Asi que, moito me temo que á ministra non lle vai no ADN arredarse de primeiras. E máis nos vale, porque vanlle a dar por tódolos lados. Debe encabezar anatemas coma a derogación da reforma laboral ou a suba do salario mínimo. Se non lle atopan mácula, tocará fabular as infamias oportunas.

De tódolos xeitos teño a impresión de que Yolanda ten lombo abondo para aturalo. Leva quince anos na primeira liña, pateando Galiza enteira cun sorriso. Falando para dez ou para mil do mesmo xeito. Aturando inxerencias dende a dereita e tamén dende a esquerda e, persoalmente e dende a distancia, nunca tiven a impresión de vela fraquear. Non por nada, no 2018, foi considerada a “parlamentaria máis activa” pola prensa. Agora a cousa é ben distinta, ten ó dragón enfronte. Agardemos que o traxe ignífugo estea ben cosido.

Neste goberno sobrarán ministerios, pero Yolanda é indispensabel.

Sorte, ministra.