«Hai que loitar pola prevención, pois o alzhéimer é moi difícil de diagnosticar»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

marcos creo

Aposta por un envellecemento activo, con adestramento tanto mental como físico

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como psicóloga de Agadea e directora do centro de día de Ribeira, Noelia Riaño leva case unha década convivindo con enfermos de alzhéimer e cos seus familiares. Coñece de primeira man os problemas que sofren uns e outros, así como as pautas a seguir para mellorar as condicións de vida de todos eles. Mesmo participou na elaboración dun libro sobre o envellecemento activo, algo que para ela é fundamental de cara a frear o deterioro dos afectados por un dos grandes males da sociedade actual.

-Pode falarse dun perfil tipo nesta enfermidade?

-Sabemos que a incidencia é un pouco máis elevada nas mulleres e que aparece a partir dos 65 anos, se ben é certo que ás veces hai pacientes de menor idade. Tamén se pode concluír que aquelas persoas que teñen unha reserva cognitiva maior están máis protexidos.

-Cales son as claves a ter en conta para detectala?

-Hai unha serie de sinais de alarma que nos deben poñer en aviso, como poden ser perdas de memoria, dificultades para desenvolver as tarefas do día a día, problemas na linguaxe, desorientación temporal e espacial, perda de obxectos, cambios de humor... En xeral, cambios na conduta ou na personalidade.

-Cal é o primeiro paso ante a desconfianza?

-Ante o mínimo sinal de alarma é fundamental acudir ao médico de cabeceira para que faga unha exploración e, se o estima oportuno, derive ao paciente ao servizo de neuroloxía. É nas primeiras fases onde os tratamentos cognitivos son máis eficaces, polo que a detección precoz é fundamental, pois permite retrasar o desenvolvemento da enfermidade.

-Existen tratamentos eficaces?

-O alzhéimer é unha enfermidade devastadora e non hai tratamentos farmacolóxicos que a freen, polo que hai que buscar mellorar a calidade de vida dos enfermos e dos familiares con tratamentos psicosociais. Nalgúns casos, estas terapias axudan a frear os problemas en maior medida que os tratamentos farmacolóxicos.

-Como se pode previr ou retrasar a aparición do alzhéimer?

-O fundamental é ter un envellecemento activo e de calidade. Para iso, hai que ter en conta diferentes piares, como son a actividade mental e física, a alimentación e a participación social. Hai que loitar pola prevención, pois o alzhéimer é moi difícil de diagnosticar. O importante é actuar antes de que apareza e o adestramento cognitivo é fundamental.

-Pola experiencia que ten, diría que sofre máis o enfermo ou a familia?

-Ámbalas dúas partes sofren en gran medida, pero de xeito distinto. Aqueles pacientes que son conscientes do que lles ocorre sofren máis ca os que non o son. Os familiares sofren enormemente nos dous casos. As persoas coidadoras teñen unha carga que deben saber manexar.

-Como se pode aliviar esa carga dos coidadores?

-A formación e a información son fundamentais. Hai que coñecer o que hai detrás da enfermidade e para iso estamos as asociacións. Os coidadores teñen que desenvolver recursos para afrontar o día a día e teñen que contar cunha rede de apoio para mitigar esa carga.

-Chegou a ver a coidadores desesperados?

-A moitos. Cando veñen con esa sobrecarga, normalmente é porque hai falta de capacidade para afrontar a situación. Necesitan falar con amigos, pero tamén precisan apoio psicolóxico e aí xogamos un papel fundamental as asociacións.

-Cales son os principais problemas dos coidadores?

-A sobrecarga que supón o coidado dun enfermo, sobre todo cando hai trastornos de conduta, porque son moi difíciles de afrontar e de manexar. Falamos dunha sintomatoloxía psicótica, que pode derivar en delirios, obsesión polo coidador, deambulación e persecución. Obrigan a estar as 24 horas pendentes do paciente.