Uns 160 dorneiros referendaron a Ramón López como novo presidente da Real e Ilustre

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Unha emocionada Lydia Fernández despediuse do cargo dando as grazas polo apoio recibido

30 dic 2019 . Actualizado a las 19:42 h.

A do sábado foi unha xornada de relevo ao temón da Real e Ilustre Cofradía da Dorna. Á tardiña tiveron lugar as eleccións, unha votación na que participaron arredor de 160 socios e na que, tal e como estaba previsto, resultou elixido como novo presidente Ramón López. A súa era a única candidatura presentada, pero foi referendada co apoio practicamente unánime dos dorneiros que acudiron á asemblea.

A elección de presidente era o único asunto a tratar na orde do día, así que a reunión foi breve. Trala votación, Ramón López tomou a palabra e, tal e como dixera nos días previos, anunciou que a súa directiva dará continuidade ao labor dos seus predecesores. Nesta nova etapa para a Dorna contará no seu equipo con Ander Pérez, Juan José Segade, Juanma Baamonde, Francisco Javier Gómez, Ángela Dios, María Cores, Iago Callón, Álex Nespereira, Manuel Caamaño e Andrés Pérez.

Fin dunha etapa

A nova directiva supón unha renovación practicamente total con respecto á que capitaneou o rumbo da Real e Ilustre nos últimos anos. En nome de todos eles, a xa expresidenta, Lydia Fernández, deu as grazas polo apoio recibido no tempo que estiveron á fronte da entidade.

Fernández recoñeceu o traballo desenvolvido por todas as directivas da Cofradía da Dorna desde a súa fundación, asumindo que «todas fixemos o que puidemos pensando en que era o mellor para a asociación». Agradeceu tamén o respaldo prestado polo Concello de Ribeira, a Xunta e a Deputación, así como ás empresas, comerciantes, patrocinadores, tecido asociativo e centros educativos que dun xeito ou outro colaboraron coa Real e Ilustre nos últimos anos e se involucraron nas súas actividades.

Unha emocionada Lydia Fernández recoñeceu que «nos sentimos moi arroupados todos estes anos» e pediulle á nova directiva «respecto e responsabilidade polo cargo que van ocupar, tendo en conta que a Dorna forma parte da memoria colectiva de Ribeira e a asociación conta cun importante respaldo social». Avogou por continuar poñendo en valor a cultura mariñeira, e puxo especial énfase no agradecemento á directiva que a acompañou e a «todas as persoas que nos apoiaron. Foi imprescindible para sacar isto adiante».