Un libro que vale para comprender a dous grandes escritores

Francisco Brea
Fran Brea LA VOZ

RIBEIRA

A nova obra do ribeirense Fidel Vidal presentouse nun ateigado centro cultural Lustres Rivas

21 dic 2019 . Actualizado a las 14:26 h.

«Cada capítulo é unha estación na que podes escoitar unha conversa entre os dous». Así definiu Antón Riveiro Coello a obra de Fidel Vidal presentada o venres en Ribeira, na que o autor ribeirense, aínda que afincado na Coruña, toma como referencia ao poeta Xulio Valcárcel para desenvolver o seu libro A sombra da cinza. O acto, promovido pola Asociación Cultural Barbantia, celebrouse nun concorrido centro cultural Lustres Rivas, cun auditorio moi interesado na obra do seu veciño. Foi unha presentación emotiva, na que non se escatimaron palabras de recoñecemento entre os persoeiros que estaban sentados á mesa.

Riveiro Coello aproveitou que o propio Xulio Valcárcel, en calidade de representante da editorial Medulia, estaba no acto para mostrar a súa admiración por el: «Un só verso de Xulio abonda para cambiar o mundo ou unha parte del». Tamén destacou que «quen pase as follas deste libro toca a dous homes, a Xulio e a Fidel. O volume abre pequenas fiestras para ver dende outra perspectiva a poesía de Xulio».

Traballo rigoroso

O seguinte en intervir foi Valcárcel, que agradeceu profundamente as palabras de Antón Riveiro e destacou tanto deste como de Fidel Vidal a súa rigorosidade, coherencia e disciplina traballando. «Creo que o libro non é sobre a miña obra», comentou o representante da editorial Medulia, a cal publicou A sombra da cinza. Acto seguido engadiu: «Máis ben, Fidel foi vendo nos meus textos cousas que lle serviron como detonante para desenvolver o seu».

Así o corroborou Vidal, quen explicou que «o pasado verán saboreei os poemas de Xulio e, de vez en cando, aparecía algo que me evocaba cousas. Dábame elementos para montar o meu propio tecido. Igual non é tanto un diálogo como di Antón Riveiro, se acaso é un monólogo». O certo é que, segundo apuntou o ribeirense, ás veces era un verso, outras un poema e nalgunhas ocasións unha simple palabra o que lle bastaba para escribir: «Foi un verán poeticamente extraordinario. Mandeille o texto a Xulio e el díxome que se ía publicar, pero pedinlle que non me ensinara como ía ser. Un día apareceume con el e creo que é unha xoia como libro, outra cousa xa é que guste o contido ou non».

Para pechar o acto, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, enxalzou o labor de Barbantia e as virtudes de Fidel Vidal. Precisamente, o venres presentouse o número 150 de A Voz de Barbantia. Por iso, Encarna Pego anunciou que pronto verá a luz o sexto recompilatorio e dixo que «hai folgos para máis. O primeiro reto é chegar ao número 200. Aquí hai moita xente traballando».