Ensino, política e literatura

Plácido Betanzos García foi moi amado por varias xeracións de escolares pola súa proximidade e actitude entregada


Nacido en Palmeira, Plácido Betanzos García foi profesor a maior parte da súa vida activa como profesional, e durante moitos anos impartiu Tecnoloxía nos institutos de Coroso e Leliadoura da cidade de Ribeira. Profesor bondadoso e xovial, foi moi amado por varias xeracións de escolares pola súa proximidade e actitude entregada. Pero esta vida académica compaxinouna con outra gran paixón: a política, dende a militancia no BNG, forza á que representou no Concello de Ribeira como concelleiro e voceiro nacionalista dende 1992 a 2002. Dotado de gran forza oratoria, defendeu as súas ideas con firmeza, afouto sempre, pero logrando ser moi estimado polos seus rivais políticos. Dende a súa retirada da política municipal, puxo a súa creatividade ao servizo da escrita e, así, no 2002, gañou o Certame Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal co relato Santiago García, O Laverco, no 2004 fíxose co primeiro premio de Relatos na Emigración de Bos Aires co conto Fendas. A máis diso, colaborou coa revista Terra e Tempo e co xornal La Voz de Galicia. No ano 2009 publicará a súa primeira novela, Coiteladas na alma e logo virían Paravea no inferno (2011) e Bágoas na chuvia (2016). A súa narrativa ocupouse de temas que manifestan o seu compromiso social: o maltrato contra as mulleres, ás que sempre defendeu, os derrotados da guerra civil, os desfavorecidos. Sinxeleza expresiva e compromiso cívico definirían a súa traxectoria como escritor. De xeito exento publicou tamén o relato Milhomes en 2010 e, tras a súa morte no 2018, editouse o volume Relatos e lembranzas (2019), que recolle os seus contos e as lembranzas e estampas publicadas para o programa das festas de Palmeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ensino, política e literatura