Adestradores de varanda

Roi Fresco

RIBEIRA

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo anos asistindo a partidos de fútbol na comarca e cada vez vexo que hai máis adestradores fóra que dentro dos campos. Son os chamados, entre nós, adestradores de varanda ou de grada. Estas situacións parecen absurdas, pero, ao final, van danando pouco a pouco a forma de gozar deste deporte.

Todos, ou a maioría, sodes pais ou nais e credes que tedes nas vosas mans unha perla por descubrir. Védesvos na necesidade de puíla para intentar que chegue ao máis lonxe posible, sen ollar a quen se lle pasa por riba e quítaselle a autoridade. Todos queren ter un Messi, un Cristiano, un Ramos, un Oblak... pero non se dan conta de que actuando desa maneira o que se fai é prexudicar aos nenos. Son nenos, e deben cometer erros, como todos, para poder aprender a solucionalos e evitalos. Pero coas constantes presións ás que son sometidos, moitos acaban por abandonar este deporte.

Levo anos neste mundo e nos comezos quedaba atónito con esa forma de proceder. Aínda que hoxe en día sexa algo normal nun campo de fútbol, non está ben. Unha normalidade que non é tal, posto que nos leva a un punto de inflexión do cal hai que sacar conclusións. Cando ides ao colexio a falar cos profesores dicídeslles como deben ensinar aos vosos fillos? Cando ides ao hospital, dicídeslles aos médicos o que teñen que facer? Contesto eu, non se fai. Non dicides nada porque esas persoas teñen os coñecementos necesarios para saber como deben actuar, pero tamén porque son profesións nas que tedes medo a meter o fociño. No fútbol non pasa o mesmo, xa que todo o mundo é adestrador e sabe o que deben facer os futbolistas.

Esta fin de semana vivín situacións que, de ser meus pais os que me dixeran iso caeríame a cara de vergoña. Unha delas foi un pai dun cadete dicíndolle dende a grada como debía xogar ao seu fillo e o que tiña que facer en cada situación que se lle presentaba. O rapaz facíalle caso ao pai e, de seguido, levaba o tirón de orellas do adestrador. Outro caso foi o dunha nai facendo o mesmo co seu fillo, pero este, supoño que sabendo que estaba mal o que facía a nai, díxolle textualmente: «Mamá, cala a boca xa e dedícate a animar».

Se continuamos nesta tesitura de deixar que os pais se entremetan nos partidos de fútbol dando indicacións, cando os rapaces cheguen a adultos van a seguir facendo o mesmo, xa que o verán como algo normal e correcto. Despois volveremos a ver unha multitude de adestradores de varanda e outros tantos de grada dando ordes aos seus fillos e criticando aos compañeiros do equipo, facendo que estes nenos pasen vergoña allea polo comportamento dos seus pais.

Sede sinxelos animadores e deixade nas mans dos adestradores a labor de ensinarlle aos vosos fillos, xa que para algo a maioría destas persoas están formándose continuamente para poder realizar a súa tarefa o mellor posible. Porque para opinar e mandar vale todo o mundo, pero para poñerse á fronte dun vestiario non. Roi Fresco. Adestrador UEFA B.