Barbantia enxalza aos impulsores da cultura na comarca

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

RIBEIRA

Xoán Fernández, Ana Romaní e Suso Santamaría recibiron os Sereos nunha gala na que o labor da entidade foi cualificado de imprescindible

15 dic 2019 . Actualizado a las 12:54 h.

Foi o día grande de Barbantia, no que entregou os seus prezados Sereos e confirmou a súa boa saúde sacando á luz un novo número, o décimo quinto, do seu Anuario de estudos do Barbanza, pero onte tamén foi o día da exaltación da cultura da comarca. A asociación demostrou que está máis viva ca nunca e recibiu os folgos de todos os que alzaron a voz para continuar cun labor que foi cualificado de imprescindible. «A cultura é o noso motor», esgrimía Manuel Cartea, o presidente, para resumir os fins cos que naceu a entidade e que aínda seguen a alumear o seu horizonte.

Houbo na gala celebrada na casa de cultura de Boiro momentos que convidaban á reflexión, vinculados sobre todo á necesidade de seguir promovendo a cultura; intres de risas, que chegaron fundamentalmente da man de Esther Carrodeguas, que exerceu de mestra de cerimonias; pero tamén afloraron as emocións. Este sentimento invadiu o auditorio cando Cartea se referiu a Ánxela Franco: «O ano pasado tiñamos con nós a alguén moi prezada, alguén da que eu dixera que tiña máis de anxo que de Franco. Hoxe proclamo a miña fe nos anxos que se foron».

Torrente de eloxios

O presidente de Barbantia quixo botar a vista atrás antes de facer un pequeno repaso pola traxectoria dos verdadeiros protagonistas da xornada, os tres premiados polo traballo que fan a prol da cultura. Os tres lle devolveron ao colectivo as loas recibidas. «É unha asociación que admiro profundamente polo gran traballo que está facendo», afirmaba o pintor Xoán Fernández, que foi presentado, por certo, como un dos primeiros socios da entidade.

«A Barbantia hai que agradecerlle todo o que fai pola cultura e por darlle visibilidade ao traballo dos demais», apuntaba Suso Santamaría, o propietario da Pousada da Galiza Imaxinaria. «É imprescindible que Barbantia manteña a súa actividade con ese carácter de participación e de colaboración», dicía a xornalista e escritora Ana Romaní despois de referirse a outros colectivos que no pasado realizaron un labor similar, como Gaivota e Catavento, nos que ela empezou a mergullarse neste mundo.

Tampouco as autoridades convidadas escatimaron eloxios cara o intenso labor da asociación, que quedou de manifesto nunha proxección de imaxes das presentacións literarias e outros actos que desenvolveu ao longo do ano. «Desde a Xunta existe unha gran admiración pola programación realizada, que sorprende a todos», afirmou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, antes de adquirir o compromiso de seguir prestándolle o seu apoio.

Rosario Álvarez, a presidenta do Consello da Cultura Galega, referiuse ao mérito que ten chegar á décimo quinta edición do anuario: «Quince anos dunha publicación son moitos anos, porque todos sabemos o esforzo que hai detrás». E o rexedor boirense, José Ramón Romero, agradeceulle a Barbantia o esforzo que fai por sacar á luz o gran potencia que ten a comarca no eido cultural.

Sorpresa musical

As tres intervencións musicais coas que agasallaron aos presentes os artistas locais Juan Ortega e Lois Pimentel, e que espertaron fortes aplausos, estaban anunciadas, pero a elas engadiuse unha sorpresa. Esperanza Mara, a soprano de Noia, deleitou ao público cun canto de arrolar interpretado a capela, coa única axuda dunha tixola da que fixo brotar melódicos sons. Presentou así un dos artigos que forman parte do Anuario de estudos do Barbanza e que está dedicado precisamente ao traballo de recuperación de cantos de arrolar que está levando a cabo.

De debullar o resto dos contidos do volume encargáronse Cartea e María Xesús Blanco, a vicepresidenta de Barbantia. Destacaron a parte dedicada á Semana da Historia de Noia, con diversos textos sobre Berenguel de Landoira, e o apartado literario, con achegas de Pilar Sampedro, Xoán Pastor Rodríguez ou Emilio García Portosín. Esther Carrodeguas fixo referencia ao limiar, obra do seu veciño de Rianxo Xosé Ricardo Losada. Ela quixo tamén lanzar a mensaxe de Nadal da gala, en forma dun Poema achampanado, como así o bautizou. A ritmo frenético, repasou o máis destacado deste 2019 que está a piques de rematar, desde o Chicle ata Greta, pasando pola política, a intolerancia ou a homofobia.