Xa non se perderá

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

12 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo no que vivimos quere facernos crer que só algunhas historias son dignas de ser postas por escrito: as que acontecen en Madrid ou Barcelona, as que se contan desde algún púlpito ou unha televisión... Alguén sinala co dedo e ponlle prezo ao suceder humano. Pero sabemos que non é así: as historias que nos marcan están a carón de nós. Os afoutos investigadores que se dedican a buscalas saben que dificilmente van ter entrada nalgún Parnaso. Pero tamén teñen unha lúcida responsabilidade solitaria e, polo tanto, de moito mérito: a de saber que, se eles non o fan, a memoria dos nosos perderase como as bágoas na choiva.

Meu pai acaba de sacar do prelo o libro Dos ‘20 aos ‘70. 50 anos co fútbol de Palmeira, editado pola palmeirana Era Dixital. Trátase dunha exhaustiva memoria da paixón futboleira nunha vila que sempre amou o deporte e o que o deporte podía provocar. En épocas nas que a sociedade civil non se podía xuntar máis alá das confrarías relixiosas, o fútbol serviu para apagar algo desa sede de comunidade que os galegos sempre temos.

O traballo de meu pai, unha meticulosa e paciente conversa con ducias de palmeiráns que remexeron os caixóns para exhumar lembranzas e fotografías, contribúe a inmortalizar a tantas persoas que libraron, en campos de barro, unha loita pola superación persoal e colectiva a través do deporte. O libro será presentado o venres 27 de xaneiro pola tarde na Sociedad Hijos de Palmeira. E, aínda que só sexa por unha vez, un anaco de nós xa nunca se perderá. Convidados quedan.