Sonia Rodríguez Salvante: «Cando había que facer unha redacción no cole, eu era a máis feliz do mundo»

Francisco Brea
F. Brea LA VOZ

RIBEIRA

CEDIDA

O próximo venres presenta a súa primeira novela no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira

08 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sonia Rodríguez Salvante é veciña de Carreira. Con 42 anos presentará o próximo venres, ás 21.00 horas, a súa primeira novela no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira. Por Clara é a primeira parte de Encuentro de almas -composta por dous libros- e narra a historia de tres vidas nunha década: «É romántica, pero tamén fala da familia e dos amigos».

 -Cando comezou a escribir?

-Levo escribindo toda a vida. Recordo de pequena ter un caderno vello que usaba como diario no que inventaba historias. Cando había que facer unha redacción no cole, eu era a máis feliz do mundo e tamén participaba en concursos de poesía.

-Con 42 anos presenta a súa primeira novela, por que agora?

-Din o paso polos ánimos recibidos. Non é que tivera vergoña, pero era algo que tiña agochado e que só a xente da casa coñecía. Pero, entre que deixei de traballar e tiña máis tempo e me insistiron en que probara, decidín facelo. Polo de agora estou moi contenta e chea de emoción e gañas.

-Esta obra ve a luz, pero xa ten outras escritas?

-Teño tres ou catro empezadas e gardadas nun caixón. Eu escribía para min, pero meu marido comentoullo á miña cuñada e pediume que lle pasara un texto. Cando levaba un pouco lido pedíame máis e así conseguín acabar unha. Esa publicarase a finais do próximo verán. Antes, previsiblemente en xaneiro, chegará a segunda parte de Encuentro de almas.

-Como fai para publicar?

-Hoxe en día é fácil autopublicarse. Teño un contrato de exclusividade con Amazon. A eles doulle todo e imprimen segundo a demanda e a min cóbranme a prezo de custe.