Anxo Martínez: «O Aguiño debería estar en Primeira»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O adestrador da Tasca valora o compromiso como piar do seu fútbol e critica o actual estado do deporte rei en Ribeira

23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Martínez (Ribeira, 1983) é un home feliz á fronte do Xuventú Aguiño. Logo dunha breve etapa en A Tasca como futbolista, decidiu cambiar de rol para colocar ao club onde, pola súa historia, considera que se merece.

-Son o equipo revelación do comezo de liga en Terceira Galicia.

-Eu non mo tomo así. Xa lle dixen aos rapaces que o importante é estar xuntos. Se ao final do ano acabamos os mesmos que o comezamos, estarei contento.

-A súa filosofía pasa por formar un vestiario sólido entón.

-Si, e estámolo logrando. Van poucas xornadas, pero espero que non cambie. Sei que será difícil manter o nivel de compromiso todo o ano. Ao final os xogadores somos egoístas e todos queremos saltar ao campo.

-E non teñen ningún obxectivo na táboa clasificatoria?

-A única meta é o que xa che dixen, chegar todos xuntos a maio. Penso que é o máis importante. Se iso funciona, logo non temos que quitarnos retos.

-Que nivel ten esta liga?

-Está moi igualada, calquera pode gañar a calquera. Non podes ir de paseo a ningún lado.

-E os candidatos a subir?

-Eu penso que deberíamos estar nós, aínda que soe prepotente, e Oleiros, Furia, Dodro, Baroña e Palmeira.

-Por equipo, por experiencia?

-Por experiencia, por compromiso... Considero que todos estarán arriba.

-E cal é o fútbol que quere facer Anxo co Aguiño?

-O primeiro é que os rapaces o pasen ben, que intenten xogar a bola. Cando non se pode, tocará escachala, pero a nosa idea é intentar xogar, presionar e morder. Iso é primordial. Eu era así como xogador e quero que o sexan eles tamén. Coa sorte que teño de que eles son mellores do que era eu como futbolista (ri).

-Ten bastantes xogadores que traballan fóra.

-A día de hoxe están todos aquí, pero penso que temos un equipo bastante compensado. Que estea un ou outro non se notará.

-Como é o caso de Pol.

-Estará poucos días con nós. É un xogador que marca as diferenzas, pero tampouco vai a decidir a liga. Iso farao todo o equipo.

-Por que colleu as rendas?

-Non tiña pensado adestrar. Por motivos laborais é bastante complicado, pero vin o interese dos rapaces e da directiva. Fixen ese esforzo para apoialos e non me arrepinto. Se mo preguntan de novo, agora non o dubidaría.

-Xa estivera de técnico aí.

-Fai seis anos, cando levaba bastante tempo sen xogar, fichei un ano. O seguinte adestrei e subimos. Logo, por circunstancias, tiven que apartarme. Agora espero deixalo onde ten que estar.

-Onde ten que estar logo?

-O Aguiño debería estar en Primeira ou Segunda, sinceramente así o creo. É un equipo histórico e, se miras os xogadores da zona que están en categorías superiores, o 90 % saíron da canteira do Aguiño. É o equipo que mellor traballa cos rapaces, e dunha maneira desinteresada. Xente como Rosa ou Mari non a atopas en ningún sitio. Oxalá non falten nunca.

-Xa que non ten pelos na lingua. Como ve o fútbol ribeirense?

-Está viciado, hai unha competencia moi grande entre tódolos equipos que non leva a bo porto. Hai que sentarse e facer un equipo, chámase como se chame.

Curtiña e ao pé

Unha xogador: Raúl González

Un estadio: A Tasca

Un gol: Calquera de Cadórniga.

Un adestrador: Eu mesmo

Un ídolo: Meus pais

Unha película: Gladiator

Un lugar: O Ventos Vellos

A súa comida favorita: Spaguettis con aliñas de polo

Un soño: Adestrar a Jorge Cadórniga, aínda que xa o teño cumprido

Un equipo de lenda: O Madrid de Ronaldo o brasileiro.

Un deporte que non sexa o fútbol: Os dardos

Unha canción: Bailar pegados, de Sergio Dalma