O premio Modesto Figueirido de narración breve será entregado este ano en Ribeira

M. X. B. RIBEIRA

RIBEIRA

MERCE ARES

O prazo de presentación das obras estará aberto ata o 20 de novembro

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribeira colabora este ano na organización do certame de narracións breves Modesto R. Figueirido, que está promovido pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro e chega nesta ocasión á súa edición número 45. Trátase dun dos concursos máis prestixiosos da literatura galega contemporánea, pois na súa lista de gañadores figuran plumas como Méndez Ferrín, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes, Fernán Vello, Tucho Calvo, Margarita Ledo, Antón Riveiro Coello e Esther F. Carrodeguas.

O prazo de presentación das obras estará aberto ata o 20 de novembro. Neste certame poden participar autores de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras, sempre que estean escritas en galego, sexan inéditas e non concorreran con anterioridade a outro concurso. A súa extensión debe ser dun mínimo de cinco páxinas mecanografadas a dobre espazo e dun máximo de trinta.

Os traballos deberán remitirse por quintuplicado e sen remite á Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, con sede en Compostela, ou ao Concello de Ribeira.

1.400 euros en premios

A obra gañadora do certame será premiada con 1.000 euros, mentres que outras dúas seleccionadas polo xurado recibirán 400 euros cada unha. A entrega dos galardóns terá lugar en Ribeira, nun acto que aínda non ten data fixada.

Este certame naceu no 1975 e o seu primeiro gañador foi Xoán Ignacio Taibo. Tralo falecemento do seu patrocinador, Modesto Rodríguez Figueirido, vicepresidente do Pedrón de Ouro, adoptou o seu nome.