O BNG ribeirense presenta un plan para aumentar as zonas verdes na localidade

ribeira LA VOZ

RIBEIRA

cedida

Os nacionalistas levarán a pleno o proxecto Reverdecer Ribeira

18 oct 2019 . Actualizado a las 18:01 h.

O BNG ribeirense presentou un plan para aumentar as zonas verdes na capital barbanzana, un proxecto ao que titula Reverdecer Ribeira e que presentará no próximo pleno municipal. O voceiro dos nacionalistas, Xosé Vázquez Cobas, apuntou que «todos sabemos que as árbores absorben o dióxido de carbono, o óxido de nitróxeno, amoníaco, dióxido de xofre e o ozono devolvendo osíxeno e axudan a diminuír as emisións de CO2». Vázquez tamén indicou que «maila isto ao Partido Popular parece que lle dan alerxia, pois non aumenta as zonas verdes e as poucas árbores novas que hai en Ribeira están grazas á presión e teimosía do BNG».

No Bloque consideran que son necesarias máis árbores e arbustos polos múltiples beneficios que teñen, pois «non só reducen a contaminación, senón que tamén actúan a favor do clima aumentando a humidade do ambiente e diminuíndo a temperatura no verán, entre dous e oito grados, proporcionando sombra e fresco no asfalto, na pedra e no cemento. E se algo precisamos en Ribeira é menos cemento e máis vexetación», afirmou Vázquez Cobas.

Para concluir, o voceiro dos nacionalistas destacou que «con respecto ás áreas forestais que son propiedade municipal, cremos que se debería aplicar gradualmente unha desecaliptización, apostando por unha planificación ordenada na que se faga un calendario para eliminar especies invasoras dos montes e zonas forestais públicas en beneficio da plantación de especies autóctonas».