De usuario a creador dun videoxogo

Vén de lanzar «Robot Squad», unha aplicación para teléfonos móbiles


ribeira / la voz

De pequeno, coma tantos outros cativos da súa xeración, José Ramón Blanco pasaba boa parte do seu tempo libre dirixindo os pasos de Super Mario, superando con el obstáculos, recollendo moedas e fuxindo dos inimigos co único fin de ir superando fases. Agora que ten 33 anos, convertido en enxeñeiro informático, decidiu situarse ao outro lado da liña e ser el o que lle dá vida a eses personaxes en miniatura que se moven polas pequenas pantallas para facer gozar a nenos e adultos. Vén de lanzar o seu primeiro videoxogo, bautizado como Robot Squad, unha aplicación gratuíta que está dispoñible para teléfonos móbiles.

A idea inicial partiu de Lemmings, un famoso videoxogo que viu a luz a comezos da década dos 90 e que tiña como obxectivo o rescate duns singulares seres. Pero a aplicación creada polo ribeirense integrou referencias de outros xogos da época, aos que el dedicaba o seu tempo libre de pequeno, como Super Mario, Tortugas Ninja ou Aladdin. O resultado é un xogo dirixido a todo tipo de públicos, sen límite de idade: «A base consiste en ir superando plataformas, pero ten moito de quebracabezas e de aplicar a lóxica para ir resolvendo problemas e poder así conducir aos bonecos para rescatalos sen que morran polo camiño». No proceso, tal e como explica o creador, hai que ir construíndo e destruíndo obstáculos.

José Ramón Blanco non emprendeu esta aventura en solitario. Contou coa axuda dun deseñador gráfico, Javier Arrés, un granadino que vive en Madrid. Os dous foron compañeiros de traballo nun local hostaleiro de Liverpool na súa época de estudantes. «Un par de días despois de expoñerlle a idea xa estabamos mergullados no proxecto», apunta o ribeirense. Foron dous anos de traballo realizado no tempo libre, coma se dunha afección se tratase, e que supuxeron un gran reto: «Ningún de nós fixera algo parecido, polo que tivemos que aprender aspectos específicos do mundo dos videoxogos. No fondo, supuxo para nós unha aprendizaxe importante».

Soño cumprido

Este enxeñeiro recoñece que o obxectivo que se marcou quedou cumprido co lanzamento de Robot Squad: «Era unha materia que tiña pendente, un proxecto que sempre quixen levar a cabo. O noso reto principal era acabar o xogo e publicalo». Aínda que agora, superada esta primeira fase, aspira a máis: «Esperamos sacar algún rendemento económico coa publicidade, posto que a descarga da aplicación é gratuíta». De feito, xa puxeron en marcha a maquinaria de promoción a través das redes sociais.

Como esta primeira experiencia como creador de videoxogos resultou altamente positiva, José Ramón Blanco xa está pensando en novas aventuras deste tipo: «Temos varias ideas na cabeza, pero de momento queremos ver como funciona este primeiro proxecto. Hai que ter en conta que a iniciativa non remata aquí, pois probablemente teñamos que sacar actualizacións con fallos que se vaian detectando e, se hai descargas, publicaremos novos niveis para que os usuarios poidan seguir xogando».

Soñando a longo prazo, o ribeirense é consciente do difícil que é poder dedicarse ao mundo da creación de grandes videoxogos: «Son como superproducións de cine, que requiren un grande investimento e implican a un gran número de profesionais. En España tampouco hai moita oferta de traballo neste eido». Por iso, aposta por aproveitar as portas que se abriron no mundo dos móbiles e por seguir coa súa faceta de consumidor, na que recoñece que foxe dos grandes éxitos: «Probei algún xogo en liña, pero non me gustou moito, polo que non entrei no mundo do Fortnite. Eu son máis de Super Mario e de xogos deportivos, sobre todo de fútbol».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

De usuario a creador dun videoxogo