Espi: «O mellor disto é a xente que te atopas»

O veciño de Queiruga afronta un novo reto en Santa Comba. Logo de ser peza clave nos ascensos a Preferente do Puebla e do Ribeira, non precisa motivación para seguir gozando do fútbol


Ribeira / LA VOZ

Pablo González, Espi (Queiruga, 1984), é deses xogadores que xa non quedan. Capaz de decidir un encontro nun abrir e pechar de ollos, tomou de novo as maletas para firmar polo Castriz de Santa Comba. Tralo seu paso polo Atlético Ribeira, o Noia, o Volantes de Baño ou o Puebla, entre outros, o extremo ten corda para moito. «Por agora véxome con forzas. Espera un pouco, aínda non estou para tirar», contesta entre risas.

-Que tal no Castriz?

-Ben, son rapaces mozos e aínda teñen moito que aprender. Fáltalles calma. Os árbitros tamén están facendo dano. Levamos cinco penaltis en contra en catro encontros e tres expulsións. É unha animalada, algo fóra de serie, pero esperemos que cambie.

-O fútbol da Costa é diferente?

-Si, teñen á xente moi estudada. A min coñécenme de cando estiven no Volantes de Baño. Ás veces escoito «coidado con ese ,que ten perigo». Pero que perigo? [Ri]. Deixádeme tranquilo [ri de novo]. Creo que non hai equipo para gañar a liga, pero tampouco para estar penúltimos.

-Ao final non seguiu no Puebla. Como foi iso?

-Pois a día de hoxe non teño noticias deles. Despois de salvarnos no último partido de liga preguntáronme que ía facer este ano. Díxenlle que, en principio, era para quedar alí. Contestáronme que xa me chamarían, pero sigo esperando a chamada do Puebla.

-Botou bastante tempo alí.

-Dous anos e medio. O primeiro ano non fomos capaces de subir, pero ascendemos o segundo.

-E como ten o seu espírito competitivo? Segue con ganas de seguir xogando?

-Si home, de momento estou bastante ben. Pero todo depende da familia, tes que saber de canto tempo dispós para o fútbol.

-Iso sempre hai que telo en conta. De todo este tempo no fútbol, cal é a etapa que recorda con máis cariño?

-Pois a temporada que xoguei en Madrid. Alí era outra cousa, de feito lévome moi ben coa maioría da xente coa que compartín equipo. E iso que só estiven seis meses con eles. Conseguimos ascender. Temos moito que aprender. Sobre todo, a tratar á xente. Alí parecía que me coñecían de toda a vida.

-E o mellor no fútbol barbancés?

-A última etapa no Ribeira, cando se subira a Preferente. Tiñamos un bo equipo. Pasámolo moi ben.

-Cal é a mellor parte do fútbol?

-O mellor disto é a xente que te atopas. Iso é o fundamental. Ao final no resto xa sabes como vai. Hoxe es unha máquina e mañá xa non vales nada.

-O fútbol non ten memoria.

-Pero o peor é non conseguir os obxectivos que se marca o equipo. As lesións deben ser algo complicado, pero tiven a sorte de non ter ningunha grave. E espero que siga así a cousa.

-E cal é o gol que máis recordas?

-Un dos máis importantes foi o do ascenso co Ribeira. Fixen un parecido co Puebla contra O Castro hai dous anos, era o 2-0 en Barraña, pero ao final remontaron o partido.

-Aquel partido fora de traca. Aínda non me explico como lle destes a volta.

-Fixemos un partidazo. Sabiamos que podiamos gañar. Eles en Boiro tiveran tres ocasiones e marcaran todas. Alá anotamos moi rápido, aos dez minutos. Despois, coa calma, á media hora da segunda metade volvemos meter. Recordo que Juan fixera un paradón e que Manuel María sacara un balón a un metro da portería. Tivemos esa sorte que fai falta no fútbol.

-E cal foi o maior fenómeno co que se encontrou nun equipo?

-En Madrid, tanto o dianteiro como o porteiro eran boísimos. Aquí... déixame pensar. O mellor sería Manuel Ángel. El só poñía o equipo a andar.

-Cando lle toca volver a xogar co Queiruga?

-Xa xoguei media temporada cando volvín de Madrid. Cando non teña tempo para adestrar é unha boa opción, pero polo momento non estou nesa situación.

-Ese é un campo no que hai que ter ganas de xogar. Agora estamos acostumados á herba artificial. É outra cousa.

-O fútbol era diferente antes. Había moito nivel, e iso que adestrabas con balóns Mikasa. Era como usar un balón medicinal [ri]. Esa foi a época en que mellor o pasei, no Oleiros, sendo aínda un rapaz.

Ascensos. Coa portería rival entre cella e cella, anotou nas dúas fases de ascenso que xogou co Ribeira e co Puebla.

Retirada. O extremo aínda ten moito fútbol nas pernas. Colgar as botas é unha opción que aínda non contempla.

Oleiros. Foi onde se formou e onde máis gozou.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Espi: «O mellor disto é a xente que te atopas»