Antonio Ventoso Mariño: O entusiasta que non coñece o desalento

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O ribeirense cala máis do que conta dunha traxectoria que o levou a destacar en cada unha das súas facetas

14 oct 2019 . Actualizado a las 16:25 h.

Di que non perde nin un minuto en mirar atrás, porque a vida é demasiado curta para volver ao pasado. Porén, a traxectoria de José Antonio Ventoso Mariño (Ribeira, 1954) dá, non só para unha longa conversa, senón para escribir un libro. Quizais o faga el mesmo, outra cousa é que esas liñas vexan algún día a luz: «Acabei agora un libro; de momento metino no caixón. Teño cinco libros sen publicar, cada vez dáme máis preguiza, cústame publicar. Escribir non, escribir enriquéceme».

A de autor é a faceta máis recente dun home que se define como poliédrico: «Sempre me gustou, pero dediqueime a escribir cando deixei de ter presión». O resultado son 15 obras editadas, uns traballos nos que o mar está sempre moi presente, como non podía ser doutro xeito: «Se non fose coxo tería ido ao mar, toda a miña familia viviu del. O mar é como comer ou respirar, é un compoñente esencial e natural da miña familia, e quixen aproveitar a oportunidade para escribir sobre el, non dende a óptica do señorito de Ourense, senón a pé de praia».

Unha constante

A coxeira da que fala, causada pola poliomielite cando era un cativo, nunca foi un impedimento para el, nin sequera para xogar ao fútbol, unha constante ao longo de toda a traxectoria vital de Ventoso Mariño. Foi un dos fundadores do Atlético Ribeira, conseguiu varios títulos e ascensos, entre eles, a Terceira División, descubriu a Fran e a José Ramón e levounos ao Deportivo e pagou a carreira co que gañaba como adestrador. E o que é máis importante: «O fútbol serviume para non perder nunca de vista a realidade que pisaba. Por iso lle debo moito, porque me permitiu ser mellor persoa».

Tamén lle cambiou a vida nun par de ocasións, asegura: «Estou orgulloso, sobre todo, do ben que me sentou o fútbol. Dende pequeno sempre fun unha persoa que tiña tendencia á introversión, e obrigoume a relacionarme e a ser doutra maneira». Foi fundamental tamén cando chegou a Santiago a estudar no colexio La Salle. Era un mundo moi distinto ao do que el procedía, os alumnos formaban grupos moi pechados «e eu non tiña nin idea de nada». Pero cando estaba a piques de tirar a toalla, un exame de Filosofía e, de novo, o fútbol déronlle a volta a todo: «Víronme no xornal no banquillo do Ribeira e pedíronme que fora o adestrador do equipo. Levaba alí dous meses e non falara con ninguén, e de súpeto pasei o ser o rei», conta rindo.

Logo pasou á universidade, unha etapa na que alternou cos galeguistas históricos, con Voces Ceibes e con xente da cultura coma Bolaño: «Alí parecía que a revolución estaba feita, pero cando volvía a Ribeira aquilo era tan exótico coma se falara da China de Mao».

Foi profesor universitario, pero non tardou en ver que non encaixaba nese mundo: «A decisión máis importante que tomei na miña vida foi deixar a universidade. Se nalgún sitio hai política de coiteladas, pisotadas e traizóns é na universidade. Aquilo asfixiábame». Ventoso mantén esta afirmación a pesar de que como político, alcalde de Ribeira e parlamentario autonómico, tamén pasou as súas: «Dende pequeno sempre fun unha persoa polémica, non sei por que. Quizais sexa porque sempre levaba as ideas a cabo. Tardo moito en tomar a decisión, pero unha vez que a tomo non me achanto. Dicir si non crea polémica, e un bo político ten que saber dicir que non. Ás veces non podes ceder porque a dignidade democrática é non facelo».

Iso viviuno no Concello de Ribeira, e incluso acabou inhabilitado por algunha desas decisións, pero non se arrepinte de nada. «Toda a miña vida foi unha conxunción de actuacións baseadas na convicción, e podo dicir que nunca perdín o sono por nada».

Por vocación

Esa convicción trasladouna tamén á súa faceta como docente. Os diferentes cargos que ocupou ao longo da súa vida mantivérono moito tempo lonxe das aulas, pero asegura que foi mestre por vocación e quixo dedicarse en concreto á formación de traballadores. Chegou ao daquela instituto Coroso coa idea de contribuír a construír un proxecto educativo potente e conseguiuno, con premios á innovación educativa tanto nacionais coma europeos: «Todo saltou cando se quixo transformar en centro profesional, fíxose unha politización lamentable que acabou con todo aquel proxecto».

E despois de todo este percorrido, considérase unha persoa exitosa: «Creo que o éxito é levar unha vida de fracaso en fracaso sen perder o entusiasmo».