Sandra Fernández: «A nosa xoia, en Ribeira, é o parque natural»

TURISMO A TODA COSTA | Técnica de turismo neste municipio, fala do Museo do Gravado coma un dos imprescindibles nunha visita pola zona


Ribeira / la voz

É a persoa idónea á que recorrer para planificar unha visita a Ribeira ou á súa contorna, pois non só coñece como ninguén os atractivos da zona, senón que tamén sabe de primeira man cales son os que espertan máis interese entre os visitantes. Sandra Fernández coordina desde o 2006 as oficinas de turismo ribeirenses.

-¿Que balance fai do verán?

-Foi un verán con moitísima afluencia de xente, se ben é certo que ese cheo que se viu nas rúas e nas festas non se reflicte nos datos recollidos nas oficinas de turismo. Os turistas que veñen a esta zona teñen aquí segunda residencia ou acoden ano tras ano, polo que non precisan información. Hoxe en día hai moitos recursos ao alcance de calquera a través de Internet.

-¿Que buscan os turistas que chegan á zona?

-Hai xa tempo que os turistas non veñen a Ribeira e á súa contorna na procura de praias, senón que perseguen outro tipo de actividades. As excursións por mar teñen moitísima demanda, ao mesmo que a rede de museos.

-¿Pero cal é o principal recurso turístico?

-A nosa xoia é o parque natural de Corrubedo, a xente queda namorada. Se ben é certo que a Pedra da Ra, que ofrece unhas impresionantes vistas da gran duna e de toda a ría, tamén está a ter moito tirón, pois compleméntase co castro da Cidade, que se atopa nas súas inmediacións.

-¿Cales pensa que son os puntos fortes deste territorio?

-Penso que son os espazos abertos. Somos o único concello que ten un parque natural e que forma parte dun parque nacional, a través da illa de Sálvora.

-Sen embargo, a pesar do tirón que ten Sálvora e do éxito das excursións por mar, non existe un servizo que ofreza visitas á illa de forma permanente...

-É certo. A Xunta leva un par de anos elaborando un calendario de rutas a Sálvora que inclúen saídas puntuais desde Aguiño e tamén hai varias empresas privadas que, a través de pequenas embarcacións, ofrecen a posibilidade de trasladarse á illa. Si que é verdade que se bota en falla un servizo de catamaráns, o que ocorre é que as empresas que están instaladas no outro lado da ría de Arousa están tan asentadas que penso que non están dispostas a arriscar establecéndose aquí. A verdade é que se trata dunha gran demanda que existe en toda esta comarca.

-E máis alá do verán, ¿que lle ofrece Ribeira aos visitantes?

-En tempada baixa, o noso principal atractivo é a rede de museos, con salas e centros de interpretación adaptados a tódolos públicos. Se ben é certo que as rutas ao miradoiro de Pedra da Ra, ao castro da Cidade e ao parque de San Roque están a disposición do público, baixo reserva previa, todo o ano.

-¿E cal é o eixo desa rede de museos da que fala?

-O Museo do Gravado de Artes. Esta sala foi a gran descoñecida durante moito tempo, quizais porque se atopa nunha parroquia do rural do municipio, pero cando a xente sabe os fondos que atesoura queda abraiada. Non é o habitual que nun mesmo edificio convivan obras de artistas tan destacados como Dalí, Picasso, Goya, Rembrandt e Van Gogh, por citar a algúns.

-¿Que ruta lle suxeriría a alguén que viñera a pasar un fin de semana a Ribeira?

-Aínda que o abano de opcións é amplo, hai unha serie de visitas que son imprescindibles. Eu destacaría o parque natural coa súa gran duna, o miradoiro da Pedra da Ra, o faro de Corrubedo, o dolmen de Axeitos e o sendeiro litoral, que permite camiñar coa mirada posta na ría e nas numerosas praias que se distribúen ao longo da nosa costa.

-E tendo en conta que segue brillando o sol, ¿cal é a praia estrela de Ribeira?

-Pola demanda de información que xera, a praia do Vilar. Temos un montón de turistas que acoden ás nosas oficinas só para interesarse por como chegar a este areal que forma parte do parque natural. É un lugar ideal para a práctica de deportes náuticos e para gozar da sensación de bañarse en mar aberto.

-¿Que puntos febles ten detectado a nivel turístico?

-Por unha banda, a sinalización dos recursos, un aspecto que xera bastantes queixas, e por outra, as dificultades para acceder a eles. Hai atractivos, como pode ser o dolmen de Axeitos, que están lonxe do casco urbano e só é posible chegar a eles en coche.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Sandra Fernández: «A nosa xoia, en Ribeira, é o parque natural»