Mareas

Carlos F. Coto SECCIÓN ÁUREA

RIBEIRA

03 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os galegos sabemos que as mareas soben e baixan todos os días. Tanto os que nacemos en localidades do interior como os da costa, porque é algo tan corrente como que a neve se derrete. Todos somos conscientes de que os espazos portuarios son territorios para o mantemento e varado dos barcos e outros labores asociados ao mar, e que as cambras -así lle chaman ás ramplas- son lugares para a manobra entre terra e mar.

Con todo, en Ribeira tódolos anos presenciamos simpáticas escenas de coches que aparcan onde non deben e cando sobe a marea transfórmanse en anfibios sen estar preparados. Non é distinto o peirao ribeirense dos demais, pero é céntrico e amplo, e invita a aparcar nel. Sempre pensamos que son turistas de interior que veñen coa mente posta no Mediterráneo, no que non hai mareas por ser como un gran lago, no que os ciclos da lúa non son suficientes para a absorción.

Este ano Ribeira perdeu a exclusiva, e outras localidades como Muros, Moaña ou Pontevedra tiveron episodios similares, case de carácter teatral. E o de Muros tiña matrícula coruñesa, polo que desbotamos a teoría dos madrileños. Xorden voces que reclaman letreiros que avisen aos despistados espabilados que aparcan onde non deben, e en Aguiño chegaron a pintalo no pavimento en modo retranca dorneira.

Se aparcas a carón dun iceberg sabes que se pode derreter. Non se pode viaxar a un lugar sen aprender o que imos atopar, menos agora cos medios dixitais que temos. Chámase prudencia e responsabilidade. Por tanto, non é lóxico poñer letreiro ningún. Que aprendan.