Ribeira tomou Coroso para conquistar o mar a base de enxeño e sorna

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A Regata de Embarcacións Feitas á Machada da Festa da Dorna volveu a dar un salto de calidade

25 jul 2019 . Actualizado a las 00:15 h.

E despois de seis xornadas de xogos, troula e altas doses de ironía condensados nunha das máis irreverentes celebracións galegas, Ribeira viviu esta tarde o seu Día D, como cada verán, á inversa. Non foi un desembarco senón un asalto cunha escuadra de naves conformada dende un sobre de Espidifen, pasando por unha fase do Super Mario Bros. en tres dimensións ou un bote con invitados especiais de cartón coas siluetas de Feijoo e Marcial Dorado.

E non era Omaha, non. Era un areal de Coroso que nunca precisou de nome en clave porque sería imposible ocultar unha nova e multitudinaria edición da Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo, a terceira e última das tres grandes probas da insigne Festa da Dorna deste municipio coruñés, que pon en xogo o Jran Premio Cutre Sark.

Coa marea de peñas dorneiras preparadas na beira do mar, arroupando á tripulación das súas embarcacións, o estoupido dun foguete marcou a hora de coller os remos para subirse en auténticos desafíos ao principio de Arquímedes, como un Ferrari da Fórmula 1, unha botella de licor café, un cadaleito, unha nécora nigromante, a mesma Torre Eiffel, un tendal, o monárquico asento da serie de Juego de Tronos, un ring de boxeo con dous galos ou un rato bala no seu correspondente canón circense.

Portaavións e drakkar

Entre as grandes creacións estiveron traballos como o dos Pintos, que recrearon o portaavións estadounidense USS Enterprise, o Pintoprise. «Levamos dende xaneiro traballando nel, decorándoo e pensando que performance facer», indicou Álex Vidal, patrón dos Pintos, acompañado de compañeiros caracterizados.

Non moi lonxe de alí -pero coa mente posta en Catoira- o integrante das Parrochas Papudas Diego Mariño axudaba a atracar o impoñente drakkar vikingo do seu grupo. «Como construílo? Isto roubámosllo a Ragnar Lodbrok», anotou sarcasticamente en alusión á serie de Vikings.

Tampouco faltaron as críticas sociais, como un barco coas cores da bandeira do Orgullo e un gran toque de atención ás grandes illas de plástico que contaminan os océanos coa forma dunha balea de máis de seis metros de largo feita a partir de restos deste material, e que levou a sinatura dos Polbos do Vilar.

«A nosa embarcación está feita con todos os restos de plástico que utilizamos na peña, é unha crítica», explicou Alba Torrado, patroa deste colectivo. Unha nova mostra de que a Dorna é moito máis que unha festa.