Adiós a Maruja a Rula, a costureira de Palmeira

A. L.

RIBEIRA

María García, nai de Plácido Betanzos, faleceu esta noite aos 100 anos

21 jul 2019 . Actualizado a las 14:46 h.

Acababa de cumprir os 100 anos hai apenas unhas semanas, pero o seu corazón xa non quixo seguir. Esta noite despedíase María García García, máis coñecida polo apodo de Maruja a Rula e por ser a nai do mestre, escritor e político Plácido Betanzos. María nacera no ano 1919, e polo traballo do seu pai marchara con 5 anos para vivir a Sevilla. Sen embargo, co estalido da Guerra Civil volveron todos para Palmeira, a súa localidade natal e da que xa non se moveu.

Aquí casou e traballou durante moitos anos como costureira, ademais de coidar as terras e aos seus dous nenos: Plácido e Maribeni. Pero a desgraza tamén chamou á porta desta veciña de Palmeira, que perdía a súa filla atropelada cando só tiña 16 anos. O mazazo foi tremendo, e «dende aquela xa se meteu máis na casa en non saía tanto», lembraba a súa neta Sofía Betanzos. Hai 12 anos tamén tiña que decir adeus ao seu marido, unha perda á que se sumaba o ano pasado a morte de Plácido Betanzos, que supuxo un golpe moi duro do que xa non se recuperou.

Os restos de María García están sendo velados no tanatorio de Xarás, e mañá partirán -sobre ás 17.30- ata a igrexa de Palmeira, onde terá lugar o funeral e logo o enterro no cemiterio parroquial.