Julio Silva, rescatado para sempre do esquecemento

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica colocou unha placa na casa na que viviu e tivo a barbería

16 jul 2019 . Actualizado a las 14:06 h.

Primeiro foi a publicación dun libro sobre a súa vida, tomando como referencia os seus diarios, e agora, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza quixo rescatar para sempre do esquecemento a Julio Silva, un escritor e sindicalista fusilado en Boisaca no ano 1937. Para iso, promoveu a instalación dunha placa na que fora a súa vivenda, edificio da rúa de Galicia no que incluso tivera unha barbería. O seu descubrimento tivo lugar a última hora da tarde do luns, coincidindo co aniversario do nacemento do homenaxeado, que foi no 1909.

José Antonio Pérez, autor do libro Diarios de Julio Silva, fixo un repaso pola súa traxectoria, destacando o compromiso que amosou pola educación e a cultura desde UXT e o PSOE, e tamén as propostas que deixou por escrito para o que entendía que debía ser a Ribeira do futuro, entre as que figuraban un hospital, vivendas sociais e gardería.

No acto participaron un representante da familia do homenaxeado, Juancho Rivas Silva, que agradeceu o esforzo feito pola comisión para sacar á luz esta historia tantos anos esquecida; e a presidenta da entidade, Celia García Pillado. Ela fixo extensible a homenaxe a tódolos Julio Silva que foron cruel e inxustamente asasinados.

Novo caderno

A comisión segue de feito desenterrando historias. O venres presentará en Porto do Son (casa de cultura, 21.00 horas) o seu caderno número 4, que está dedicado a Melquíades Lestón Romero, un veciño do municipio vinculado ao sector da pesca que fixo un gran labor como activista desde a CNT. O volume foi elaborado por Mariño del Río e Patricia Torrado, que participarán no acto. Tamén estará María Teresa Lestón, que cedeu as fotos.

A entidade traballa tamén nunha xuntanza de asociacións pola memoria histórica de Galicia, co fin de que sexa en Ribeira en setembro.