José Antonio Pérez: Luz para unha historia con tráxico final que estivo 82 anos silenciada

O mestre publicou a traxectoria dun ribeirense fusilado en Boisaca no 1937


ribeira / la voz

Hai historias que, aínda despois de permaneceren moito tempo no esquecemento, paga a pena que sexan contadas. José Antonio Pérez Fernández, mestre de Historia no IES Leliadoura, soubo que as vivencias de Julio Silva precisaban ver a luz en canto tivo nas súas mans os diarios que el mesmo escribira. A maior parte eran anotacións correspondentes aos seis meses que pasou no cárcere antes de ser fusilado en Boisaca o 29 de xaneiro de 1937. Compiladas nun libro, fan posible darlle voz a un deses grandes descoñecidos que contribuíron a forxar a historia de Barbanza.

Foi un fillo del, Julio Silva Pérez, o que puxo nas mans de José Antonio Pérez unha copia dos diarios mecanografados a comezos dos 90, coa idea de que foran publicados. Daquela non puido ser, debido a un cambio de opinión do propietario das memorias. Transcorridos os prazos legais e animado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, o mestre de Palmeira animouse a retomar un proxecto co que buscaba facer xustiza.

Con anterioridade soubera que Julio Silva fora un barbeiro fusilado aos 27 anos pola súa afiliación ao PSOE e por exercer de secretario de UXT e presidente da Xuventude Cultural Republicana. A través das súas memorias descubriría outros moitos datos, tanto sobre a súa persoa como sobre a situación de Ribeira e a súa contorna naquela época. «Chamáronme a atención os seus ensaios políticos, xa que el estivo no colexio ata os 11 anos e logo formouse de xeito autodidacta; e tamén a claridade e minuciosidade coa que describe a etapa no cárcere, así como a serenidade coa que asume a condena a morte», lembra da primeira lectura dos diarios.

Vida, ensaios e cartas

Decidiu estruturar todos aqueles apuntamentos en tres partes. A primeira, de carácter autobiográfico: «Da súa vida destaca unha enfermidade que padeceu. Non queda claro cal foi, pero si que lle obrigou a deixar o mar para traballar de barbeiro. É entón cando empeza a mercar e a ler libros». A segunda, os ensaios políticos e poemas: «Son importantes os escritos que ten publicados en La lucha, un periódico que apareceu naquela época na Pobra, e tamén as reflexións que fai desde o cárcere sobre a revolución que quería para a Ribeira do futuro. Fala de educación obrigatoria ata os 15 anos, de mellorar as condicións da pesca, dunha gardería, dunha residencia...».

A parte final dos Diarios de Julio Silva está integrada polas cartas que escribiu desde o cárcere: «Describe o ambiente e as persoas que comparten con el a cárcere. Nas últimas cartas, anima á muller a publicar todas estas anotacións. O seu desexo era que viran a luz».

José Antonio Pérez asegura que o seu único obxectivo é darlle voz a unha persoa que estivo 82 anos silenciada e que segue a ser un gran descoñecido en Ribeira. El mesmo tivo serias dificultades para dar con fotografías: «Preguntei e preguntei e ninguén sabía da súa familia. Cando xa tiña unha primeira versión do libro rematada, coñecín por casualidade a uns sobriños netos, que me pasaron imaxes e incluso os diarios orixinais, onde atopei máis información».

Asegura que o que máis lle chamou a atención foron as anotacións que Julio Silva fixo xusto antes de que o fusilaran: «Eran unha especie de despedidas e testamentos dirixidos á muller, ao pai e á sogra». Pérez Fernández confía en saldar, polo menos en parte, a débeda que a sociedade ten con este ribeirense: «É unha figura cun gran valor, un home comprometido coa cultura e coa política, unha boa persoa. Quero que con este libro se entenda unha parte da historia de España que estivo silenciada, pois hai familias que nin sequera poden velar aos seus mortos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

José Antonio Pérez: Luz para unha historia con tráxico final que estivo 82 anos silenciada