Vicente Fernández: O rescatador da historia de Palmeira

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Animou aos compañeiros do obradoiro de memoria a recompilar fotografías e personaxes antigos da localidade, aos que lle deu forma nun pequeno volume

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre adoita aparecer alguén encargado de perpetuar o pasado das grandes cidades e vilas, mentres a historia dos lugares pequenos acaba moitas veces ficando no esquecemento. Menos mal que, en ocasións, saltan á luz persoas como Vicente Fernández González, coñecido popularmente como Chouza, que decidiu rescatar e darlle forma de libro a unha serie de vivencias e personaxes da súa parroquia, Palmeira. Contou coa axuda dos seus compañeiros do obradoiro de memoria.

«Que mellor que o taller de estimulación cognitiva para facer memoria e lembrar as vellas historias do pasado». Así foi como lle expuxo a súa idea aos colegas de pupitre e á monitora. Todos eles colaboraron achegando fotografías antigas, pero Chouza non dubidou en percorrer Palmeira porta a porta para elaborar un traballo o máis completo posible: «Teño que recoñecer que toda a xente me axudou, pero quedei sorprendido ao atopar persoas con antepasados significativos, incluso pais, dos que non tiñan nin unha soa foto».

Despois de completar o traballo de campo botando man de Internet, Vicente Fernández viuse con máis dun cento de instantáneas e un feixe de historias das que, ata entón, el pouco ou nada sabía. Chamoulle poderosamente a atención, por exemplo, a vida de Fernández Varela, un prelado que se encargou da ampliación da igrexa da parroquia e que tamén fixo obras importantes na veciña vila da Pobra. «O pai del está enterrado aquí en Palmeira», apunta.

Tamén lle sorprendeu a historia de José Rodríguez Saavedra, que construíu en Palmeira un gran barco, ao que bautizou como Insuela, que despois acabou desfeito na costa portuguesa por mor dun forte temporal. E a de Romero Ortiz: «Custoume moito atopar tódolos datos sobre a súa vida e os bens que posuía. Miña avoa chegou a comprar unha casa que fora del, cando xa estaba en mans da Igrexa».

Fervedoiro de ideas

Agora, co libro entre as mans, Chouza amósase satisfeito do traballo realizado: «O meu único obxectivo era rescatar todas estas historias, episodios como o dos cataláns que se estableceron en Palmeira, onde chegaron a funcionar 16 almacéns de salgadura que lle deron traballo a moitos veciños». Cualifícase a si mesmo coma unha persoa moi activa aos seus 84 anos: «Teño a cabeza como a pota dun aniseiro, sempre está a ferver de ideas».

De feito, non lembra unha etapa da súa vida, máis alá da infancia, na que non estivera involucrado nalgunha entidade de Ribeira. Foi responsable da Sociedade Fillos de Palmeira, adestrador e presidente do club de fútbol da vila, estivo á fronte de diferentes asociacións de pais e mesmo foi concelleiro, sempre de Educación, oito anos. «Sempre estiven enleado en algo, mesmo un día se me ocorreu reactivar a confraría de pescadores de Palmeira e alá me puxen a dotala dun regulamento novo para legalizala», explica.

Incluso antes da publicación deste libro sobre a historia da parroquia, déralle forma a un volume vinculado co seu traballo na Consellería de Pesca. Era un amplo informe sobre as primeiras bateas da ría de Arousa e o desenvolvemento dos diferentes polígonos.

Agora, Vicente Fernández confesa que empeza a sentirse canso de tanta actividade, pero non dubida en recoñecer que hai varias ideas bulindo pola súa cabeza e quen sabe se algún día se animará a darlle forma a algunha delas: «Teño algo feito sobre os vellos costumes, moitos dos cales seguen vixentes hoxe, sobre todo os relacionados coas bruxas e co mal de ollo».

O libro. Cunha extensión de 58 páxinas, «Palmeira na memoria» rescata a historia da parroquia nos séculos XIX e XX. Contén máis dun cento de fotografías.

O lanzamento. O Concello de Ribeira editou medio milleiro de exemplares do libro, para distribuílos entre os veciños de Palmeira.