Castelao revive en Rianxo para pronunciar de novo «Alba de Gloria»

M. X. B. RIBEIRA

RIBEIRA

carmela queijeiro

A mostra que recrea e contextualiza o último discurso que ofreceu o intelectual xa se pode ver no auditorio municipal

12 jun 2019 . Actualizado a las 13:29 h.

O 25 de xullo de 1948, Castelao pronunciaba en Bos Aires o seu último discurso, un emotivo texto dirixido aos emigrantes, no que reflexionaba sobre a historia de Galicia e o seu futuro. Co gallo do 70.° aniversario daquela efeméride, o Consello da Cultura Galega montou a exposición Alba de Gloria. Unha experiencia, que despois de ser estreada en Santiago, vén de recalar no auditorio de Rianxo, onde estará a disposición do público ata o 17 de xullo.

Unha gafas de realidade virtual constitúen o eixo central da mostra. A través delas, o público pode ver os personaxes aos que cita Castelao no seu discurso e mesmo teñen ocasión de interactuar co propio escritor, que foi recreado a tamaño real. Tamén un labirinto de figuras en tres dimensións fan posible que os espectadores se acheguen a cada unha das figuras que inspiraron ao galeguista para construír o texto.

Alba de Gloria, o discurso, tamén se pode escoitar ao completo nesta exposición, xunto con outros textos pronunciado na época en Bos Aires. Desde o epicentro que constitúe esta intervención, a mostra ábrese, incluíndo por exemplo primeiras edicións de libros que definiron a cultura galega contemporánea.

En débeda

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, desprazouse a Rianxo con motivo da apertura da exposición, para destacar que Galicia segue en débeda con Castelao, ao que cualificou de construtor da identidade galega contemporánea. Engadiu que o escritor estaría feliz de ver como a través desta mostra baseada nas novas tecnoloxías se trata de achegar a súa figura ás novas xeracións: «Foi o que el fixo toda a súa vida, tratar de ampliar públicos para a cultura galega».

O rexedor local, Adolfo Muíños, amosou ledicia pola elección de Rianxo como a primeira parada da xira que emprenderá a exposición por toda a comunidade; mentres que o comisario da mostra, Manuel Gago, destacou, como gran logro desta iniciativa, que é capaz de transmitir a mesma emoción que no 1948 espertou Castelao.