A festa das letras regresa a Ribeira

M. X. B.

RIBEIRA

cedida

Anxo Moure, Raquel Queizás, Ledicia Costas, López Marqués e Rosario Regueira, entre os escritores convidados

08 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os ribeirenses terán ocasión de mergullarse de cheo no eido literario entre o xoves e o domingo próximos. A cidade dará cabida a unha nova edición da Feira do Libro, que terá como epicentro o mercado que catro librarías (Pedreira, Cortizas, Ler e Cartabón) montarán na Praza do Concello, onde tamén se situará un posto da Deputación da Coruña. Ao redor deste eixo desenvolveranse diversas actividades, tanto literarias como musicais, que buscan espertar nos veciños de tódalas idades a paixón polo eido das letras.

A inauguración da feira correrá a cargo de Anxo Moure, que ofrecerá un espectáculo titulado O rueiro dos fillos de Palmeira (xoves, 13.00 horas). Previamente, este escritor relataralle algúns dos seus contos aos alumnos dos colexios que visiten a praza. Pola tarde, Patricia Torrado, editora de Toxosoutos, presentará Liñas compartidas, o volume que recoller as experiencias dos participantes nun obradoiro de escrita que tivo lugar en Rianxo, e Xabier López Marqués falará do seu Arró.

Club de lectura e coloquio

A feira abrirase de novo para os máis pequenos o venres, coa presenza de Raquel Queizás, aínda que o groso de actividades terán lugar no serán: a presentación do club de lectura dixital Ebibliotecadacoruna, a intervención de Rosario Regueira para falar de Compañeira, non serva, a sinatura de libros por parte de Ledicia Costas e un coloquio coa presenza de Uxía Casal, Antonio Piñeiro e Antonio Tizón.

A música de Xurxo Souto animará a feira o sábado. Interpretará temas de Cantos de traballo das mulleres do mar, a banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás. Luís Vallecillo, que chegará con Cantamos, e Manuel Portas, que presentará Por puntos, completan o cartel da xornada.

O colofón, o domingo, consistirá na maxia de David Méndez e na música de Xoán Curiel, que chegará a Ribeira co seu espectáculo Canta miña pedra canta.