Josefa Caneda: «A muller deféndese igual ca o home no mar»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Tivo que loitar no pasado para que a confraría de Ribeira deixara mariscar ás veciñas de Aguiño

01 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sol ou con chuvia, con calor ou con frío, co mar en calma e, moitas veces, coas ondas rachando con forza contra a embarcación. Josefa Caneda González é unha das moitas mariscadoras do litoral galego que desenvolven o seu traballo a flote. É máis, esta veciña de Aguiño é a que se encarga de dirixir a lancha na que a diario viaxa tamén o seu home, que leva a cabo a captura do marisco. Aínda recoñecendo a dureza do seu traballo, que non entende de horarios nin de condicións meteorolóxicas, a ribeirense é unha muller feliz, tanto que non cambiaría a súa profesión por outra.

De feito, no pasado tivo que lidar con algún que outro colega para poder seguir sendo unha muller mariscadora. Ela entrou a formar parte da confraría de Aguiño hai case tres décadas, cando o seu era un caso raro, polo menos en Barbanza: «Daquela eramos oito ou nove as que nos dedicabamos a isto aquí». E houbo a quen a idea de telas como compañeiras de traballo non lle pareceu ben. Socios do pósito de Ribeira, co que o de Aguiño explotaba de xeito conxunto algún banco, levantáronse contra as mulleres e esixiron o seu cese.

A etapa máis difícil

O conflito chegou a tal punto que os ribeirenses impedían o paso daquelas embarcacións nas que ían mulleres. Pero Josefa Caneda foi das que non se amedrentaron e loitaron por defender o seu posto de traballo: «Chegou un punto en que os propios compañeiros de Aguiño nos acusaban de sermos o eixe do problema e nos convidaron a abandonar». Ela asegura que nunca valorou esta posibilidade: «Algún día ata me arrebataron o meu tope e nos deixaron só o do meu marido, pero eu volvía na xornada seguinte. Quería demostrar que o meu oficio era o mar, como o era tamén o do meu home e o do resto dos compañeiros. Eu non buscaba liorta».

Esta chegou igual e ata tivo que intervir a Garda Civil. Agora, lembrando aqueles días amargos e aquelas noites sen durmir, Josefa Caneda amósase orgullosa de terse mantido en pé ata o final, porque o desenlace, como non podía ser doutro xeito, foilles favorable a ela e ás súas compañeiras: «Gañamos o xuízo porque era unha cuestión de dereito». Alégrase de que a situación cambiara totalmente desde entón ata agora: «Máis alá daquel problema, nunca me sentín discriminada por ser muller e os meus compañeiros varóns sempre me apoiaron».

Ela é filla e muller de mariñeiros, polo que non lle foi complicado decidir o camiño a seguir: «Ou ía para a fábrica de conservas ou co meu home, que buscaba un compañeiro». Decantouse pola segunda opción, argumenta que animada pola paixón que sempre sentiu polo xigante azul: «De nena teño ido a pescar moitísimas veces con meu pai, sempre me tirou moito o mar», sinala.

O percebe, a súa debilidade

Medrar a carón do mar seguro que propicia que, en certa medida, se lle perda medo. A mariscadora de Aguiño di que ela nunca llo tivo, pero matiza: «Respecto, si, sobre todo agora que xa teño 57 anos e non son a que era antes. Os golpes, as humidades e o frío acaban co corpo dunha». Aínda así, se a saúde llo permite, non dubida en afirmar que se xubilará enriba da embarcación. Ata que chegue ese momento seguirá esperando con ansia os días de ir ao percebe: «É o traballo máis arriscado, pero o meu preferido». Ela encárgase de dirixir a lancha, achegando ao seu home e compañeiro de batallas ás pedras e atendendo aos cambios de mar para recollelo en caso de que se volva perigoso: «O peor é cando o mar se pon rizo, sobre todo desde que nos limitaron a potencia dos motores, xa que non temos tanta forza de arranque para marchar con rapidez».

En ocasións, a ribeirense tivo que afrontar algunha situación complicada. Lembra, por exemplo, cando a unha compañeira se lle enredou un cabo na hélice e non dubidou en botarse á auga para liberala. En máis dunha ocasión, axudou a percebeiros aos que as fortes ondas arrastraran ao medio do mar: «O peor é se levas un golpe contra as pedras e non te podes defender. Ninguén está libre de que lle ocorra iso».

Pese a tódalas adversidades, a percebeira aguiñense nunca pensou en deixar o que é o medio de vida da súa familia. Defende, por riba de todo, o dereito e a capacidade das súas iguais para desenvolver un traballo que, tradicionalmente, realizan os homes: «A muller deféndese igual ca o home no mar. Mesmo os hai que enxalzan o labor que realizamos e iso dános máis folgos para continuar». Saír cedo cara ao mar, manexar a lancha e ver os compañeiros traballar, sobre todo recoller percebes enriba das pedras, son os praceres da vida de Josefa Caneda.