Os Liantes e Traspés gañan o Interritmos

A.L.

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

As formacións musicais de Ribeira e Vigo actuarán no Festival da Luz que se celebrará en Boimorto en setembro

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Porta do Sol de Ribeira converteuse a pasada fin de semana nun gran escenario que acolleu a terceira edición do Festival Interritmos, no que participaron un total de dez agrupacións de música e baile procedentes de toda Galicia, e que finalmente gañarían os ribeirenses Os Liantes e os vigueses Pandereteiros Traspés. A gala, que está impulsada polo programa Leader de Desenvolvemento Rural de Galicia -xestionado pola asociación Deloa-, tivo como presentadora a Belén Xestal, que foi dando paso a cada un dos concursantes, que dispuxeron dun máximo de catro minutos para actuar.

Non o tiveron nada doado os membros do xurado, que se atoparon con serios problemas para seleccionar aos cinco finalistas, que foron O Baile do Retranqueiro (Ames), Aldomir (Teo), Retranqueiras (Ames), Os Liantes (Ribeira) e Pandereteiros Traspés (Vigo). Todos eles terán dereito á gravación dun tema e un vídeo promocional.

Ademais, este dous últimos grupos foron os gañadores deste ano do concurso Cultivando Música, e como premio actuarán no Festival da Luz que terá lugar en Boimorto os días 7 e 8 de setembro.

Xurado

Á hora de seleccionar aos finalistas os membros do xurado tiveron moi en conta «a técnica empregada, a voz, o ritmo da actuación, a posta en escena, así como a interese dalgúns grupos por innovar dentro da tradición», apuntaron desde a organización do certame.

Tamén quixeron aplaudir o gran nivel de todos os participantes nesta edición.